Si Cristo houbera vivido no século vinte
Si Cristo houbera vivido no século vinte
o Führer mandaríano coma un neno antre outros
nos trenes alonxados por vías arredadas
deica a noite dos fornos crematorios.
Solprenderíanno cos seus profundos ollos
discutindo no Templo cos Doutores da Ley,
daquil neno aparvados.
O Führer o tería mandado xunto coa súa Nai,
seu Pai e túdolos apóstolos.
Gardaría pra sí o candelabro da Cea Derradeira.
E nun mesmo vagón xuntaría
á Samaritana e o Pozo de Augas Vivas,
as Taboas do Sinaí e as Boaventuranzas.
E tudo ardería coma unha Zarza Ardente
nas fogueiras da Noite lnterminabel
alcendida para purifica-lo sangue
ate o cabo do mundo.
Tudo sería xa a cinza neboenta das bágoas
e das mans tremantes por enriba do tempo.
Unha cinza alén do Ben e do Mal
namentra il, o Führer, sería outra volta o César
divinizado dunha nova Roma
louvado pola inxente moitedume.
"Vieiro de Señardade", Tomás Barros
(Tomás Barros nasceu no dia 3 de Fevereiro de 1922. Morreu em 1986.)
Sem comentários:
Enviar um comentário