terça-feira, 21 de agosto de 2018

Dora Vázquez 4

Unha noite desas solemnes e quedas do xullo, contaban as estrelas ás auras lixeiras a historia de amor dun reiseñor e unha tímida rosa. A mesma rosa que arrastraba a corrente dun arroio que a lúa bañaba con fulgores de prata.
Contábanlle que o canto do reiseñor era algo marabilloso. Os seus trinos vibrantes e melodiosos acendían as noites. Nas mesturas dos soutos e as carballeiras, escoitábano os outros paxaros espertos i encantados. Nos seus buratos detiñan os grilos o son dos seus élitros, e as ras deixaban de croar nas lagoas para escoitalo. Todo quedaba calado, nun lánguido silencio, no que soamente a gorxa prodixiosa do reiseñor degrañaba as súas belas cantigas na escuridade da noite.
Unha vez, ocurrera que unha noite o seu canto agromou máis doce e harmonioso que nunca soara. Saían da miuda gorxa notas que enxamais foran oídas. O silencio parecia máis intenso. A lúa, curiosa, incrinou á terra o seu perfil brillante, e o seu feixe resprandecente iluminou unha escena encantada.
Entre as follas das ponlas dunha roseira, alzábase, modesta e humilde unha bela, pero tímida rosa. E moi pretiño dela, chifraba o reiseñor a melodía do seu canto. A súa plumaxe brillaba na sombra do crepúsculo extrañamente, e nos seus ollos lucía a tenrura ollando para a flor. A rosa escoitábao caladiña, abraiada, emocionada. Polas súas meixelas deslizábase unha bágoa de felicidade, sentindo o corazón sumerxido no encanto do amor.

"Cadros", Dora Vázquez

(Dora Vázquez nasceu no dia 21 de Agosto de 1913. Morreu em 2010.)

Sem comentários:

Enviar um comentário