Porco
- Porco, vente deitar que xa é tarde - dixo Foroneo.
- Xa vou - contestou Porco.
Foroneo foi Rei de Argos, e Porco era a súa muller.
Cun pouco de imaxinación é moito máis doado falar da muller de Foroneo que do porco galego; que de calquera porco.
Eu escomencei a escribir do noso porco. Adiviñaba que a cousa ía ser un pouco longa. E cando xa encetaba os papeis do volume trinta e dous, e perdido dezasete quilos, un bó amigo sacoume da casa a dar un paseo e me dixo:
- Mira, todos sabemo-lo da matanza do porco a partires do San Martiño, cando xea e a lúa ten forma de C; que é unha festa como ningunha outra e compartida cos veciños e parentes; que o porco se chama Sus scropha anque ti dis que ese é o xabarín, e que o da casa é o Sus domesticus que procede do scropha e do indicus. Chámalle como queiras, que non interesa.
- Tamén sabemos - continuou - que é un mamífero, non remoe, e é omnívoro coma ti e coma min, que ten unha grande cachucha e un fuciño para tolear de gusto coméndoo milímetro a milímetro. E, se queres, dí que ten as mans curtas que terman dos lacóns, e unhas patas, tamén curtas, que terman das nádegas, ou sexa, dos xamóns.
E rematou:
- E tódolos cazadores coñecen eso de "e o porco voara...", porque del aprovéitase todo: solombo, raxo, xamóns, lacóns, costelas e costelar, a barbada, tudillos, pes, entreteto, espiñazo, a cacheira ou cachucha, as tripas, a lingua, riles, touciño, miolos e o unto que se afuma. Deixa eso e fala doutras cousas.
[...]
Odón L. Abad Flores
(Odón L. Abad Flores nasceu no dia 18 de Novembro de 1929. Morreu em 2016.)
Sem comentários:
Enviar um comentário