quarta-feira, 12 de agosto de 2015

Ánxel Fole

Os lobos

Moitas veces ouvín decir que os lobos non atacan ás persoas. E isto non é certo. O segredario de Caldas foi comido por iles cando voltaba da feira de Viana. Algús dixeron que o mataran por arroubalo, e que despois o comeran os lobos; mais a douscentos metros de ondia o comeran foi atopado un lobo morto coa gorxa afuraiada por unha bala.

Aquiles días viran os pastores unha manada de dez cunha loba con tres lobecos. Era tempo de neve, e baixaran da serra da Moá. Ó parecer, despois de esgotados os cartuchos, quixo subirse a un albre, mais non puido. Alí estaba ó seu carón, o revólver con seis cartuchos baleiros no lombo. Era un bon revólver americano. Ó sentirse feridos algús lobos, todos se botaron enriba dil. Si tivera un bon foco eléutrico cecais se salvara. Ós lobos se non se lles fire de morte é pior. Eu matei un con dous tiros de postas. Foi morrer tres cantos máis aló de ondia o asegundara. Atináralle na testa e no fuciño, e iba deixando un regueiro de sangue. Arrincaba cos dentes os cañotos das xestas. Cecais non se me arrepuxo porque era de día.

De noite médralles o corazón e son moi valentes. Non vos riades. Tamén lles pasa iso ós lubicás. O señor cura de Peites tiña un. De noite íbase ó monte e chamaba ós lobos. Viñan con il. Din que abría os tarabelos das cuadras coma unha  persoa. Unha noite velouno o señor cura. Era un gran cazador. Tiña un rifle de dez tiros que lle trouguera un sobriño de California. Meteulle dous tiros seguidos no entrecello ó galgar un pasadelo. O crego estaba na xanela da reitoral cun foco, i o lubicán voltaba do monte, polas tres da mañá, acompañado dos lobos. Abrírono i esfolárono axiña, e viron que tiña o corazón finchado...

¿Sabedes cando se estreven os lobos cos homes? Cando teñen moita fame, ou cando se decatan de que lles teñen medo. Por iso cáseque nunca atacan a tres ou máis xuntos. Cando se atopan un home soio pola serra, póñense a traballalo. Teñen moito distinto... Xa veredes coma o traballan. De primeiro, acompáñano; despois, póñenselle diante; máis tarde, chéganlle a zorrega-las pernas cos rabos... Asín, pouquiño a pouquiño. Vén un intre en que o home xa non pode máis. O medo alporízalle os cabelos. Parécelle que lle cravaran allambres na testa. Váiselle a voz, perde o sentido. Xa está perdido. Bótanse os lobos enriba dil i esnaquízano. Cada vinte anos ou menos, dáse por istas terras un caso dises. Desaparece un home. Crese que o mataron ou que fuxiu prás Américas. Ó cabo de dous ou tres anos ninguén fala dil. Un cazador atopa nunha xesteira unha calivera. ¿De que sería? Así lle aconteceu ó Pastrán de Vesuña fai moitos anos. Mais si o home non perde o coraxe non se atreven coíl.
[...]

"Á Lus do Candil", Ánxel Fole

(Ánxel Fole nasceu no dia 11 de Agosto de 1903. Morreu em 1986.)

Sem comentários:

Enviar um comentário