Porca miseria
Polas noites xorden entre o lixo
E folgan
Extrañas criaturas da xeración do desperdicio.
Teñen figura humana.
Ninguén diría que carecen de conciencia.
Descenden da escoria neoliberal
dos detritos que emporcan os ríos e os mares
dos velenos mortíferos
dos fumes de fascismo que saen das chemineas das fábricas
da explotación.
Son seres que consumen.
Obedecen ordes de destrucción.
¡Porca Miseria!
¡Fuma, fuma, cheminea de tos
enche de fume a atmósfera para non ver o lixo.
Tira ao chan cabichas ardentes de desprecio.
Enterra as cabichas na area da praia
coma se fosen minas persoais.
Chegarán criaturas confiadas a xogar con elas na area.
Virán bebés gateando a rillar tabaco
que explotará nos seus estómagos
para adaptarlles as vísceras a un futuro noxento.
¡Fuma, fuma! ¡Árdelle o lixo! ¡Queima papeleiras!
¡Porca Miseria!
¡Tira todo!, titi. Non respetes nada.
Patea as latas de cocacola con despeito.
Lanza botellas de cervexa coma granadas de man.
Tira plástico.
Implícate no plástico e baila.
Plastifícate e fai que te divirtes.
Rap, ¡resiste!, rip.
A coca non é a de Redondela.
Resiste movida de weekend end
endemoniado.
Vomita arrogancia polas vellas pedras da cidade.
Liga.
Inspira gasoil como perfume sexual.
Abrázate no ludibrio.
Consume sexo con fume con droga con saña.
Consuma a cópula do weekend end
endogamia sórdida.
Amantes lúbricos do petróleo.
Parirán residuos dun amor postmoderno.
Só o fascismo pode salvalos.
¡Porca Miseria!
Os restos da festa son coma detritos do campo de batalla.
Refugallos de morte.
Síndrome de alcohol.
O silencio despois do barullo aterrador.
Vermes saíndo dos vasos de plástico.
Caveiras que son latas.
Litronas que son misiles.
Arden contenedores. ¡Árdelle o lixo!
Virán gaivotas como preas atraídas pola inmundicia.
¡Porca Miseria!
Polas mañás, extraños seres da xeración do desperdicio
saen das casernas
e poñen os cans a cagar enriba da apocalipse.
Lixo sobre lixo.
A morte arremete coa gadaña emporcallada.
O lixo avanza como un holocausto que arrasa a vida.
O lixo golpea coma o egoísmo e a insolidariedade humana.
O lixo lixa as conciencias coma a peste.
Virán as ratas do fascismo a roer o desastre.
¡Han vir!
¡Porca Miseria!
María Xosé Queizán
(María Xosé Queizán nasceu no dia 5 de Fevereiro de 1939)
Sem comentários:
Enviar um comentário