sexta-feira, 16 de agosto de 2019

Francisco Cortegoso 5

Sexa tratado o xardín
de espazo interiorizado,
pois é artificio do natural.

Non un é
máis natural que o naturalizado.

"O coñecemento do Paraíso
responde á orde
como as primeiras descricións
da selva amazónica."

E unha vez sexa así
volta á Quintá onde foron ocupados os cabalos azuis do teu soño;
mais non entres, agarda!
Contempla desde o pequeno adro de San Paio
o luar da representación: un escenario
de fe de ti.

A palabra que darás lugar
podería ser demorada ao longo do labio
beliscando até sangrar a carne
que se avolta contra a dentición.

Mais todo se desata con forza tal
a foliación no Hemisferio Norte.

E aínda nos contaron da existencia de ritos iniciáticos e de comuñón cunha lingua arrasada ao regresaren. Así o visto, ouvido e sostido. Queimando ponlas de bidueiro logo que abrollar porque a auga corre. A cinsa por unción sobre da lingua dos comúns.

Coñecemos o incendio
que no interior da carne
todo signo marcado
desata.

E cruza unha ofrenda.
Oración.
O van e a danza.

O que
anoa
senón o curso da pel á par dunha tulipa branca.

Esta ameixa amarelada que se distingue.
A visión da leoa entre a herba que parte.
O colo do ánsar que turba o reflexo do ceo.

"O home que en ti se coroa", dixen
por amor
e separeite da vida.
Entre a vergoña que te nomea desde a pel cunha calor repentina
e o devirmos un igual desde a fenda,
foi precisa unha morte, este afogar.
Desde a distinción queremos sobrevivir e asumimos a súa Lei.
Non somos o peso dunha froita que pende e unha leve brisa que a contorna.
Non somos a gacela a un mesmo ritmo que desoriente a leoa.
Se digo que hai beleza no xiro que desprega a dalia;
se digo: olla ese neno que pendura da figueira;
digo o territorio.

Quixésemos ser ave.
Escollemos o voo,
esa morte

sen marca.

"Memorial e Danza", Francisco Cortegoso

(Francisco Cortegoso nasceu no dia 17 de Agosto 1985. Morreu em 2016.)

Sem comentários:

Enviar um comentário