sábado, 3 de fevereiro de 2018

Tomás Barros 4

Si a campá badala coma o vento

Si a campá badala coma o vento,
si zoa coma a morte,
coma unha morte denantes de que a vida se esgote,
si abala coma a onda que se alonga
noutras vidas máis aló da nosa,
si zoa a campá incerta dende dentro
do trebón que nos cega,
sin tanxe coma un desleigamento insondabel de todo,
si zoa na lonxanía da melanconía,
alén da derradeira soedade
cando ninguén a escoita,
si vai arrouseando pola terra canto foi esperanza
e perdeuse, e nos soergue
cunha man estendida de esmoleiro ao fondo do universo,
si a campá badala coma o vento,
coma verba sin nome,
é que xa estamos perto do final diste sono
que nos aferrolla e nos enleva,
é que espertamos a outra vida máis aló da morte,
é que espertamos a outra morte máis aló da vida.
 
"
Vieiro de Señardade", Tomás Barros

(Tomás Barros nasceu no dia 3 de Fevereiro de 1922. Morreu no dia 3 de Setembro de 1986.)

Sem comentários:

Enviar um comentário