As dúas pragas
Baixo dun ceo promizo e bretemoso,
unha negra montana;
baixo a montana negra, unha curtiña
de álbores decotada;
pacendo na curtiña, media ducia
de ovellas esfameadas;
e celosas gardando esas ovellas,
murchas, tristes, da aldea as catro casas.
Dentro de cada casa, unha cociña
escura i afumada;
dentro cada cociña, unha fogueira
que o vento frío apaga;
xunto cada fogueira, cavilosa,
unha testa incrinada;
dentro de cada testa, un pensamento
de próusima fuxida, ou de venganza...
¿Que acontece na aldea? Antes de agora
vina, i alegre estaba;
nela todo era festas e trouleos,
e bailes e fiadas:
nos campos escoitábanse as de grúas
dos sachos i as eixadas;
nos fogares as frescas armonías
das risas e dos bicos, que estralaban.
¿Que demos acontece nesa aldea?...
¿Cal foi das sete pragas
a que eiquí descargou, matando a súa
xovialidade sana?...
Cravado por tres cravos baixo a copa
do cipreste da entrada,
calquera pode leer este letreiro:
"Hai escribano e capellán en Cangas".
"Aires da Miña Terra", Manuel Curros Enríquez
(Manuel Curros Enríquez nasceu no dia 15 de Setembro de 1851. Morreu em 1908.)
Sem comentários:
Enviar um comentário