quinta-feira, 24 de janeiro de 2019

Anxo A. Rei Ballesteros

A flor da boca 

"A fala é a flor da boca". A frase paréceme que é de Hörderlin. A flor, a min, faime pensar, naturalmente, primeiro, no arrecendo; pero, tamén, na terra e na raíz. E coido que esa vinculación feliz entre signo e corpo, sema e soma; entre o semántico e o somático, axuda a poñer de manifesto a oralidade constitutiva e primordial da lingua, de calquera lingua das chamadas naturais; e remite, por tanto, directamente á fysis: Ó aparello de fonación e á voz humana.
A flor da boca non é a negra flor da tinta, non é a escritura: toda escritura implica xa unha considerable desactualización do idioma, un falar des-situado; afastado con respecto á súa orixe, separado de si mesmo por unha insalvable distancia histórica e espacio-temporal. O tempo e o espacio históricos acaban apoderándose case por enteiro - deixemos ese case prudentemente aberto - da fala orixinal. A presencia e maila actualización ceden o seu posto á ausencia e á representación. Toda escritura (non estou pensando, de momento, na poesía nin na Literatura) e, daquela, a fortiori, toda ortografía, é, na súa esencia, testamentaria e notarial: é ou tende a se-la expresión, o máis exacta posible, (ex-actitude, ex-acción, ex-acto) da vontade dun ausente ou dun defunto: daquel que se re-presenta no tempo - no encadeamento do discurso - precisamente porque xa non pode actualizarse.
[...]

Anxo A. Rei Ballesteros

(Anxo A. Rei Ballesteros nasceu no dia 24 de Janeiro de 1952. Morreu em 2008.)

Sem comentários:

Publicar um comentário