Mostrar mensagens com a etiqueta Manuel María. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Manuel María. Mostrar todas as mensagens

terça-feira, 6 de outubro de 2020

Manuel María 9

Estou eiquí e agora: instalado
nunha vida en precario,
nunha morte aplazada
que me cerca e me vence,
doblegándome, retorcéndome
como a chama á corriza.
Invoco ós billóns de células
que están en mín
morrendo e renovándose,
mudando este meu corpo
maravilloso,
ruín
e complicado.
Invoco tamén ó meu espíritu
que procura unha luciña,
unha chama moi flebe
que ún entreveu un intre só.
[...]

"Camiños de Luz e Sombra", Manuel María

(Manuel María nasceu no dia 6 de Outubro de 1929. Morreu em 2004.)

domingo, 6 de outubro de 2019

Manuel María 8

A Terra Chá somentes é:
un povo aquí, outro acolá, 
mil arbres, monte raso,
un ceo chumbo e tráxico
no que andan as aves a voar. 
O resto é soedá.

"Terra Chá", Manuel María

(Manuel María nasceu no dia 6 de Outubro de 1929. Morreu em 2004.)

domingo, 8 de setembro de 2019

Manuel María 7

Proclama os peixes do Miño

Meus amadisimos peixes, ordenados
en tribos, provincias e naciós:
salmós, troitas, anguías,
escalos, sábalos, lampreas
e ainda o recente blas-blas...
Morades en casais, parroquias,
vilas e cidades que os humanos
non ollan nin descobren:
só a vós
vos falo pois quero sementar
no voso leve e delicado corazón
a flor marabillosa do amor.
Coidade dos fondos subacuáticos
e non deixedes luxar endexamais
a pureza das augas cristalinas.
Confederádevos xa coas galiñoas,
cabaliños do demo, parrulos,
arceas e lavancos:
loitade ferozmente
contra tanta polución envelenada
que vos asasina sin piedade
e destrúe a beleza dos ríos
e a perfecta fermosura do mundo.
Defendede ata a morte o voso reino:
¡fuxide das mortíferas nasas,
das invisibeis, enganosas redes,
das cordas, dos anzois, da dinamita
e habitade en paz eternamente
a marabillosa luz das ondas libres.

"O Miño, Canle de Luz e Néboa", Manuel María

(Manuel María nasceu no dia 6 de Outubro de 1929. Morreu no dia 8 de Setembro 2004.)

sábado, 6 de outubro de 2018

Manuel María 6

Falan os ríos

Nós, tan humildes, somos ríos pequenos
que bicamos a terra con amor
Ríos sen gloria que lle damos ao río Miño
o noso amor sinxelo: luz e auga.
Damos todo boamente como dá
o paxaro ao vento a súa canción.
Somos só un nome.
Somentes somos grandes ríos
cando nos ten enteiramente o Miño.
Somos a sombra dunha sombra
cunha lembranza nidia
de árbores, seitura e sementes.
Non somos case nada
Nin case somos ríos.
A nosa almiña de pequenos ríos
fai o poder caudal do Grande Río.


"O Miño, Canle de Luz e Néboa", Manuel María

(Manuel María nasceu no dia 6 de Outubro de 1929. Morreu em 2004.)

quarta-feira, 25 de julho de 2018

Día da Patria Galega

Canción pra cando se escoita falar castrapo

Ollade esa antroidada: son galegos,
xente do pobo, sinxela e moi normal.
Olládeos, como un fato de borregos,
falando o seu castrapo "tipical".

Esprésanse nunha estrana xerigonza,
van falando un idioma que non hai.
E sinten fondo reparo, gran vergonza,
en falar, como é debido, a fala nai.

Ollade ós moi paletos e cretinos
ladrando o seu castrapo por aí,
intentando ser lidos, cultos, finos
imitando ós "castizos" de Madrí.

Eles, probes, non poden ser culpados
polo seu idioma, tristeiro i anormal.
A culpa é de quen di: "Sede educados,
que falar galego está moi mal..."


Manuel María, "Canciós do Lusco ó Fusco"

(Hoje, 25 de Julho, é Día Nacional de Galicia, também conhecido popularmente como Día Nacional da Galiza ou Día da Patria Galega)

sexta-feira, 6 de outubro de 2017

Manuel María 5

Rosas

Sempre a rosa. Sempre:
a forma,
a cor,
o recendo,
a luz,
a perfección da rosa.
Prefiro a rosa vermella.
E amo a rosa branca
porque, cando lle digo
simplesmentes: rosa,
entrecerra os ollos,
treme
e ruborece. 

"A Luz Ressuscitada", Manuel María

(Manuel María nasceu no dia 6 de Outubro de 1929. Morreu em 2004.)

quinta-feira, 6 de outubro de 2016

Manuel María 4

O carro

Non canta na Chá ninguén,
por éso meu carro canta,
canta o seu eixo tan ben
que a señardade me espanta.
Non hai canto tan fermoso:
fino coma un asubío,
anque é, as vegadas, saudoso,
faise no ar rechouchío.
O meu carro é cerna dura:
sábese carballo e freixo.

Qué fermosa e a sua feitura!
Qué lixereza a do eixo!
As cousas vanse aledando
por onde meu carro pasa.

Carrétame herba pro gando!
Traime a colleita pra casa!
 

"Terra Chá", Manuel María

(Manuel María nasceu no dia 6 de Outubro de 1929. Morreu em 2004.)

terça-feira, 17 de maio de 2016

Día das Letras Galegas 2016

Galiza

Galiza docemente
está ollando o mar:
ten vales e montañas
e terras para labrar!

Ten portos, mariñeiros,
cidades e labregos
cargados de traballos,
cargados de trafegos!

Galiza é unha nai
velliña, soñadora:
na voz da gaita rise,
na voz da gaita chora!

Galiza é o que vemos:
a terra, o mar, o vento...
Pro hai outra Galiza
que vai no sentimento!

Galiza somos nós:
a xente e maila fala.
Se buscas a Galiza
en ti tes que atopala!

Manuel María, "Os Soños na Gaiola"

(Hoje é Día das Letras Galegas, este ano dedicado ao poeta Manuel María)

terça-feira, 6 de outubro de 2015

Manuel María 3

O labrego

Un labrego tan só é unha cousa
que case non repousa.

Da sementeira a seitura,
pasando pela cava,
a súa vida é moi dura
e moi escrava.

Sempre trafegando,
arando,
sachando,
malhando,
gadanhando,
percurando o gando.

Sempre a olhar pró ceo
com medo e com receo.
Sempre a sementar ilusión
ponhendo na semente o corazón
pra colheitar probeza e mais tristura.

Dilhe ao labrego da beleza
da campía,
da súa fermosura
e poesia.

Dírache que sí,
que a beleza pra tí.

Pró labrego é o trabalho
o andar tocado do caralho,
o pan mouro i o toucinho.

(Múdanse de calzado ou de traxe
cando van de viaxe,
de feira ou de romaxe
e xantan, eses días, pulpo e vinho);
os eidos ciscados, minifundiados
que quér decir atomizados);
o matarse sachar de sol a sol
pra lograr seis patacas
com furacas,
catro grãos de centeo i unha col;
o dobregarse sobor dos sucos
pra pagar gabelas e trabucos;
o vivir entre esterco i animales
en chouzas case inhabitabeles.

I aguantar, aguanta e aguantar,
Agardando morrer pra descansar.

Manuel María

(Manuel María nasceu no dia 6 de Outubro de 1929. Morreu em 2004.)

segunda-feira, 6 de outubro de 2014

Manuel María 2

A palavra

Nós, de verdade, unicamente temos
a palavra. Só a palavra verdadeira
pode traduzir a fecha
e insondável soidade do nosso ser.
Só a palavra. A própria.
A que pertence à nossa língua.
A que amamos. A que usa,
conhece e reconhece a nossa gente.
Sem a palavra seria a pobreza,
a miséria total, a impotência
a escuridade e o nom ser.
Mas hai quem manipula, força,
retorce, desfai e prostitui
o autêntico senso da palavra.
Hai quem mente. E ainda hai
o frio, feroz assassino da palavra.

"A Luz Ressuscitada", Manuel María

(Manuel María nasceu no dia 6 de Outubro de 1929. Morreu em 2004.)

domingo, 6 de outubro de 2013

Manuel María

Canción pra cantar todos os dias

Hai que defender o idioma como sexa:
con rabia, con furor, a metrallazos.
Hai que defender a fala en loita rexa
con tanques, avións e a puñetazos.

Hai que ser duros, peleóns, intransixentes
cos que teñen vocación de señoritos,
cos porcos desertores repelentes,
cos cabras, cos castróns e cos cabritos.

Temos que pelexar cos renegados,
cos que intentan borrar a nosa fala.

Temos que loitar cos desleigados
que desexan matala e enterrala.

Seríamos, sen fala, unhos ninguén,
unhas cantas galiñas desplumadas.
Os nosos inimigos saben ben
que as palabras vencen ás espadas.

O idioma somos nós, povo comun,
vencello que nos xungue e ten en pé,
herencia secular de cada un,
fogar no que arde acesa a nosa fe.


"Canciós do Lusco ó Fusco", Manuel María

(Manuel María nasceu no dia 6 de Outubro de 1929. Morreu em 2004.)