Mostrar mensagens com a etiqueta Isidro Novo. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Isidro Novo. Mostrar todas as mensagens

segunda-feira, 5 de outubro de 2020

Isidro Novo 3

Proceso do propio extravío

Logo de que un acepta
a sordidez do silencio como cilicio
un frío de abisal azul invade a alma
e como un incansable atleta
o tempo alanca polas datas

deixándonos unicamente na lembranza
días de barro

e cantos de paxaros rotos
E perdida xa a consciencia
de cando foi cedo
nesta absurda travesía
non somos quen de comprender
por que no espello
o propio reflexo
nos resulta cada vez
máis lonxano e máis alleo

"Catro Poemas Soltos (Escorzo de Sombras e Ausencias)", Isidro Novo 

(Isidro Novo nasceu no dia 5 de Outubro de 1951. Morreu em 2018.)

sábado, 5 de outubro de 2019

Isidro Novo 2

Calafrío 

Envolto na grosa negrura nocturna 
da rúa deserta 
e sen embargo 
como se todo me escrutase curuxento
Nin pechando os ollos 
ser quen de atopar un agocho trala nada 
Como se tamén a soidade
máis miña
estivese ocupada 
en espreitarme 

"Catro Poemas Soltos (Escorzo de Sombras e Ausencias)", Isidro Novo 

(Isidro Novo nasceu no dia 5 de Outubro de 1951. Morreu em 2018.)

sexta-feira, 1 de fevereiro de 2019

Isidro Novo

A mar ferida

Ía e viña a mar 
a mar ía e viña 
como van e veñen 
un tras doutro os días 
ía a mar e viña 
a mar viña e ía 

Vagas altas e rizas
estourando impoñentes
como calquera día
da miña mareira vida
como calquera día
a mar ía e viña
 

Ía e viña a miña amiga
a miña vida ía e viña
batendo contra os coídos
contra os cons e contra a area
a mar miña ía e viña
ía e viña a amada miña
 

Pero ai
non era o de sempre o seu son
que había nel coma sombras
de queixume
queixábase a mar miña
mentres ía e viña
mentres viña e ía
 

E axiña vin
que enferma estaba
dun negro mal
axiña souben
que o meu amor viña ferido
Que malia tanto amala
bicar a mar non podía
nin agarimar sequera
a frescura de encaixe
dos seus salseiros
pois viña a amada miña
de negrura envelenada
 

Con tan visguenta desgracia viña
con tan escura doenza
que nin gozar puiden
do orballo salgado
co que me agasalla sempre
nos rompentes
 

Non puiden
non
e maila que no seu ir e vir non laiase
traía sombras de queixume o seu son

Isidro Novo

(Isidro Novo nasceu no dia 5 de Outubro de 1951. Morreu no dia 1 de Fevereiro de 2018.)