Mostrar mensagens com a etiqueta Dos Arquivos do Trasno. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Dos Arquivos do Trasno. Mostrar todas as mensagens

quarta-feira, 29 de janeiro de 2020

Rafael Dieste 5

O neno suicida

[...]
Cando adquiriu experiencia de abondo pensou que o mellor era manter secreta aquela estraña condición que o facía mías mozo cantos máis anos corresen. Así, non o sabendo ninguén - non sendo un ou dous amigos fieis - podería vivir mellor a súa verdadeira vida.
Traballou de vello e fíxose rico para folgar de mozo. Dos cincuenta ós quince anos a súa vida foi a máis feliz que se pode imaxinar. Cada día gustaba máis ás mozas e andou enleado con moitas e coas máis bonitas. E ata disque unha princesa... Pero diso non estou certo.
Cando chegou a neno encomenzou a vida a se lle ensarillar. Dáballe medo a sorpresa con que o vían entrar tan ceibe nas tendas a mercar lambetadas e xoguetes. Algún rateiro de viseira calada teno seguido ó longo de moitas rúas tortas. E algunha vez ten comido as súas lambetadas a tremer de anguria, coas bágoas nos ollos e o almibre nos beizos. A derradeira vez que o topei - tiña el oito anos - andaba moi triste. ¡Pesaban, ademais, tanto no seu espírito de neno os recordos da súa vellice!
[...]

"Dos Arquivos do Trasno", Rafael Dieste 

(Rafael Dieste nasceu no dia 29 de Janeiro de 1899. Morreu em 1981.)

terça-feira, 29 de janeiro de 2019

Rafael Dieste 4

O neno suicida

[...]
De como despois o vello topou roupa e mantenza é cousa de moita risa. Chegou ás portas da cidade e como aínda non sabía falar, os ministros, despois de lle botaren unha capa enriba, levárono a diante do xuíz coma se tivesen sido testigos: Aquí lle traemos a este pobre vello que perdeu a fala coa tunda que lle deron uns ladróns mal entrañados. Nin roupa lle deixaron.
O xuíz deu ordes e o vello foi levado a un hospital. Cando saíu, xa ben vestido e mantido, dicíanlle as monxiñas: Vai feito un bo mozo. Ata parece que perdeu anos.
Daquela xa aprendera a falar algo e fíxose esmoleiro. Así andou moitas terras. Alá en Lourdes estivo dúas veces, da segunda tan amozado que, os que o coñeceran da primeira, coidaron que fora miragre da Virxe.

[...]

"Dos Arquivos do Trasno", Rafael Dieste 

(Rafael Dieste nasceu no dia 29 de Janeiro de 1899. Morreu em 1981.)

segunda-feira, 29 de janeiro de 2018

Rafael Dieste 3

O neno suicida

Cando o taberneiro rematou de ler aquela nova inquedante - un neno suicidárase pegándose un tiro na sen dereita - falou o vagamundo descoñecido que acababa de xantar moi pobremente nun curruncho da tasca mariñeira, e dixo:
- Eu sei a historia dese neno.
Pronunciou a palabra neno dun xeito moi particular. Así foi que, os catro bebedores de augardente, os cinco de albariño e o taberneiro calaron e escoitaron con xesto inquiridor e atento.
- Eu sei a historia dese neno - repetiu o vagamundo -. E, tras dunha solerte e ben medida pausa, encomenzou:
- Alá polo mil oitocentos trinta, unha beata que despois morreu de medo viu saír do camposanto florido e recendente da súa aldea a un vello moi vello en coiro. Aquel vello era un recén nacido. Antes de saír do ventre da terra nai escollera el mesmo ese xeito de nacencia. ¡Canto mellor ir de vello para mozo que de mozo para vello!, pensou sendo espírito puro. A Noso Señor chocoulle a idea. ¿Por que non face-la proba? Así foi que, co seu consentimento, formouse no seo da terra un esqueleto. E despois, con carne de verme, fíxose a carne do home. E na carne do home aformigou a caloriña do sangue. E como todo estaba listo, a terra-nai pariu. Pariu un vello en coiro.
[...]


"Dos Arquivos do Trasno", Rafael Dieste

(Rafael Dieste nasceu no dia 29 de Janeiro de 1899. Morreu em 1981.)

domingo, 29 de janeiro de 2017

Rafael Dieste 2

Cando o primeiro cadullo de terra, bicado por un neno, petou dentro da cova nas táboas do ataúde, rubíronme ata a gorxa as verbas salvadoras... Estiveron a punto de xurdiren. Mais entonces acudiu novamente ó meu maxín a case seguranza do arrepiante ridículo, da rabia da familia defraudada, se o Bieito se topaba morto e ben morto. Ademais o dicilo tan tarde acrecía o absurdo desorbitadamente. ¿Como xustificar non o ter dito antes? ¡Xa sei, xa sei, sempre se pode un explicar! ¡Si, si, si, todo o que queirades! Pois ben... ¿e se tivese morto despois, despois de o sentir eu remexerse, como quizais puidese adiviñarse por algún sinal? ¡Un crime, si, un crime o me ter calado! Oíde xa o rebumbio da xente...
- ¡Pediu auxilio e non llo deron, malpocado!...
- El sentía chorar, quíxose erguer, non puido…
- Morreu de espanto, saltoulle o corazón ó se sentir decer na cova...
- ¡Velaí o tendes, coa cara torta do esforzo!
- ¡E ese que o sabía, tan campante, aí a surrir coma un pallaso!
- ¿É parvo ou que?
Todo o día, meus amigos, andei tolo de remorsos. 

"Dos Arquivos do Trasno", Rafael Dieste

(Rafael Dieste nasceu no dia 29 de Janeiro de 1899. Morreu em 1981.)

sexta-feira, 29 de janeiro de 2016

Rafael Dieste

Sobre a morte de Bieito

Foi preto do camposanto cando eu sentín boligar dentro da caixa ó pobre Bieito. (Dos catro levadores do cadaleito, eu era un). Sentino ou foi aprensión miña? Entonces non podería aseguralo. Foi un rebulir tan maino!… Como a teimosa puvulla que rila, rila na noite, rila de entón no meu maxín afervoado aquel mainiño rebulir.
Pero é que eu, meus amigos, non tiña seguranza, e polo tanto - comprendede, escoitade -, polo tanto non podía, non debía dicir nada.
Imaxinade nun intre que eu dixese:
O Bieito vai vivo.
Tódalas testas dos velliños que portaban cirios ergueríanse nun babeco aglaio. Tódolos pícaros que viñan extendendo a palma da man baixo o pingotear da cera, virían en remuíño arredor meu. Apiñocaríanse as mulleres a carón do cadaleito. Escorregaría por tódolos beizos un marmular sobrecolleito, insólito:
O Bieito vai vivo, o Bieito vai vivo!…
Calaría o lamento da nai e das irmás, e axiña tamén, descompasándose, a gravedosa marcha que planxía nos bronces da charanga. E eu sería o gran revelador, o salvador, eixo de tódolos asombros e de tódalas gratitudes. E o sol na miña face cobraría unha importancia imprevista.
Ah! E se entonces, ó ser aberto o cadaleito, a miña sospeita resultaba falsa? Todo aquel magno asombro viraríase inconmensurable e macabro ridículo. Toda a arelante gratitude da nai e das irmás, tornaríase despeito. O martelo espetando de novo a caixa tería un son sinistro e único na tarde estantía. Comprendedes? Por iso non dixen nada.
Houbo un intre en que pola face dun dos compañeiros de fúnebre carga pasou a insinuación leviá dun sobresalto, coma se el estivese a sentir tamén o velaíño boligar. Mais non foi máis que un lampo. De seguida ficou sereno. E non dixen nada.
Houbo un intre en que case me decidín. Dirixinme ó da miña banda e, acobexando a pregunta nunha surrisa de retrouso, deslicei:
- E se o Bieito fose vivo?
[...]

"Dos Arquivos do Trasno", Rafael Dieste

(Rafael Dieste nasceu no dia 29 de Janeiro de 1899. Morreu em 1981.)