sexta-feira, 29 de janeiro de 2016

Rafael Dieste

Sobre a morte de Bieito

Foi preto do camposanto cando eu sentín boligar dentro da caixa ó pobre Bieito. (Dos catro levadores do cadaleito, eu era un). Sentino ou foi aprensión miña? Entonces non podería aseguralo. Foi un rebulir tan maino!… Como a teimosa puvulla que rila, rila na noite, rila de entón no meu maxín afervoado aquel mainiño rebulir.
Pero é que eu, meus amigos, non tiña seguranza, e polo tanto - comprendede, escoitade -, polo tanto non podía, non debía dicir nada.
Imaxinade nun intre que eu dixese:
O Bieito vai vivo.
Tódalas testas dos velliños que portaban cirios ergueríanse nun babeco aglaio. Tódolos pícaros que viñan extendendo a palma da man baixo o pingotear da cera, virían en remuíño arredor meu. Apiñocaríanse as mulleres a carón do cadaleito. Escorregaría por tódolos beizos un marmular sobrecolleito, insólito:
O Bieito vai vivo, o Bieito vai vivo!…
Calaría o lamento da nai e das irmás, e axiña tamén, descompasándose, a gravedosa marcha que planxía nos bronces da charanga. E eu sería o gran revelador, o salvador, eixo de tódolos asombros e de tódalas gratitudes. E o sol na miña face cobraría unha importancia imprevista.
Ah! E se entonces, ó ser aberto o cadaleito, a miña sospeita resultaba falsa? Todo aquel magno asombro viraríase inconmensurable e macabro ridículo. Toda a arelante gratitude da nai e das irmás, tornaríase despeito. O martelo espetando de novo a caixa tería un son sinistro e único na tarde estantía. Comprendedes? Por iso non dixen nada.
Houbo un intre en que pola face dun dos compañeiros de fúnebre carga pasou a insinuación leviá dun sobresalto, coma se el estivese a sentir tamén o velaíño boligar. Mais non foi máis que un lampo. De seguida ficou sereno. E non dixen nada.
Houbo un intre en que case me decidín. Dirixinme ó da miña banda e, acobexando a pregunta nunha surrisa de retrouso, deslicei:
- E se o Bieito fose vivo?
[...]

"Dos Arquivos do Trasno", Rafael Dieste

(Rafael Dieste nasceu no dia 29 de Janeiro de 1899. Morreu em 1981.)

Sem comentários:

Enviar um comentário