Mostrar mensagens com a etiqueta Ardentía: Obra Completa. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Ardentía: Obra Completa. Mostrar todas as mensagens

domingo, 27 de setembro de 2020

Bernardino Graña 4

O gato da tasca mariñeira

Aquí non hai silencio porque hai homes
falan os homes falan
aquí non pasa o vento esa fantasma
os homes falan falan
e fórmase outro vento outro rebumbio
unha fantasma feita deste fume
este fumar sen tino estas palabras
e pasa un suave gato que é da casa.

Beben viño coñac
berran discuten contan chistes mascan
un pouco de xamón tal vez chourizo
o gato ulisca cheira mira agarda
vai á cociña vense ao mostrador quixera
un anaquiño de boa carne un chisco
de tenrura algún queixo unha migaIla.

Aquí non hai vagadas nin roncallos
non se ven os cabezos nin as praias
o taberneiro bole saúda cobra serve fala
cambea mil pesetas chama á muIler á berros
e contesta ao teléfono ás chamadas
e os homes berran moito cheos de ira
e rin e danse a man e nada pasa.

O gato calandiño ergue as orellas
tan maino tan suavísimo sen gana
cruza por entre as pernas entre as botas
altas botas de caucho contra as augas co seu rabo
arriquichado e duro e tan en calma
e aquí non hai silencio que hai vinte homes
e están ben lonxe os mares que arrebatan.

Se acaso o gato mira os ollos do borne
guicha en suspenso escoita en paz agacha
unha orelliña aguda e indiferente
lambe teimudo e calmo unha das patas
e se acaso durmiña e abre un olIo
e ve que os homes beben fuman discuten moito non se cansan
de ensaladilla callos mexilóns anchoas
e viño e viño e viño tinto e branco en tantas tazas
e esgarran cospen entran saen empuxan brindan cantan
e a radio está acendida e óese música
e o gato pasa indemne comprendendo ten costume son os homes
non se espanta.

"Profecía do Mar", Bernardino Graña

(Bernardino Graña nasceu no dia 27 de Setembro de 1932)

sexta-feira, 27 de setembro de 2019

Bernardino Graña 3

Soño-vento

O vento aquel da ruindade
ama securas, cavorcos,
separacións, pardiñeiros,
resoares de voz de choro.

Inxectoume un pesadelo,
negror de río de noite:
"Afúndese o mundo todo,
demolicións, tristes golpes,
amor en sangue perdido...
O canto faise balbordo."

Mais xa pasou. Vén o abrente
nun sol que renace morno.
Desperto. Ti estás enteira
en ondas de doces roupas.

Non es aquel vento, es man
lene e quente no meu colo.

Navegas nun rir dos ollos.
E vou neles, nos teus labios
máis mornos que o sol, gloriosos.
E o vento aquel do mal soño
xa vai no seu lonxe, morto.


"Himno verde", Bernardino Graña

(Bernardino Graña nasceu no dia 27 de Setembro de 1932)

quinta-feira, 27 de setembro de 2018

Bernardino Graña 2

Vietnam 1972

Cando enfrontados ventos,
cando o ceremonial do caos e asembleas,
cando os grandes negocios, guerra en Asia,
palabras e palabras: París, baile,
cando caen as bombas pola selva
contra o paxaro azul que lembra o ceo,
contra da fe e da casa e da xustiza,
erguéndome pra alá destas murallas
- era cristiá, mil novecentos
setenta e dous, xa primavera,
pero primeiro en tendas, en "percales" -,
sinto o cachón do sangue coma un "geyser"
na indiferencia, nas noticias falsas,
namentres Nixon, Kissinger, Van Thieu
fan sorrintes sermóns, falan e falan,
e en París segue a farsa.

Eu resisto na selva de palabras,
de rañaceos, de fumes, de milleiros
de coches, ruídos, tráficos, papeis,
resisto as mil promesas, as noticias
monótonas, iguais, as esperanzas,
avances, retrocesos, tantalismo,
escenas de matanzas en Quang-Tri,
e, coma voz clamante no deserto,
síntome canso de Vietnam, dos nenos,
mulleres, vellos... mortos, mentres Nixon fala...

E se o sol e a lúa e tanta estrela,
Vietnam, A China, o Polo, o Universo
non son de USA ou Rusia ou dos marcianos,
atrevereime a estar inda en guerrilla
neste noxo de vida, entre as mentiras,
e xurarei que sinto dor e xiria
cando todos me afunden nunha noite,
cando millóns de astáticos
non nos contruban soño e dividendos
se están sen paz, sen pan e sen palabra.


"Non Vexo Vigo Nin Cangas", Bernardino Graña

(Bernardino Graña nasceu no dia 27 de Setembro de 1932)