Mostrar mensagens com a etiqueta Aquilino Iglesia Alvariño. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Aquilino Iglesia Alvariño. Mostrar todas as mensagens

sábado, 12 de junho de 2021

Aquilino Iglesia Alvariño 7

Manuel Antonio

Por un mar verde de oucas
levara o seu barco a toas.
Ai, noso amigo!
Nun mar de oucas verdegado
boyara a toas o barco.
Ai, noso amigo,
capitán de alto navío!

Crara estrela, a súa gamela
noviña foise coa néboa.
Ai, noso amigo!
E aquela frol dos naufraxios
desfollouse contra os fachos.
Ai, noso amigo,
capitán de alto navío!

Noviña foise coas sombras,
sin vento, ó correr das ondas.
Ai, noso amigo!
Desfollouse contra os fachos
de noite, DE CATRO A CATRO.
Ai, noso amigo,
capitán de alto navío!

"Nenias", Aquilino Iglesia Alvariño

(Aquilino Iglesia Alvariño nasceu no dia 12 de Junho de 1909. Morreu em 1961.)

sexta-feira, 12 de junho de 2020

Aquilino Iglesia Alvariño 6

Nesta hora

Nesta hora das once dunha noite de vrao,
aganchado á unha galla dun álbore de aire,
nas fragas do serán... Cereixas, coma labios,
lisas, aconchegadas na frescura das follas.
 
¡Ai, a parra que sube a un istante doado!

Se non fora por ese roxo anuncio de tellas
borraríamos todo-los rueiros da vila
e sería-nas prazas coma veigas vizosas
con altos amieiros e comareiros verdes.

¡Ai, quén puidera enchere este istante tan calmo
de palabras baixiñas coma recimos mouros,
esgazados da viña velliña que no acorda!

¡Quén puidera arrincare a mazá desta noite
e i-la moulando coma un agre repinaldo,
e sentir logo as maus e os recantos da boca
recendentes e húmedos dun zume de silencio!

"De Día a Día, Poesías", Aquilino Iglesia Alvariño

(Aquilino Iglesia Alvariño nasceu no dia 12 de Junho de 1909. Morreu em 1961.)

segunda-feira, 29 de julho de 2019

Aquilino Iglesia Alvariño 5

Esta é a mar dos solpôres

[...]
Un día
as pesadas cabezas
afundíronse para sempre pra máis aló do sono.

E daquela a súa sombra
foi xa amarguexo e cinza,
e oco sin consolo, e triste esquenzo.

Daquela foi a mar
as outas olas sin acougo.

No seu colo de tola sin mamoria
anaina os soles do solpôr
e as lúas novas coma nécoras pequerrechas
ô son do eco cóncavo e lonxano
daqueles altos montes tan velliños
que foron unha vez.


"Cómaros Verdes", Aquilino Iglesia Alvariño

(Aquilino Iglesia Alvariño nasceu no dia 12 de Junho de 1909. Morreu no dia 29 de Julho de 1961.)

quarta-feira, 12 de junho de 2019

Aquilino Iglesia Alvariño 4

Esta é a mar dos solpôres

[...]
Sombra feliz
nun comenzo,
abría os seus brazos quentes e poderosos,
deitada nunha inmensa pradería de fieitos altísmos,
contra o peito escuro e arquexante
de cen xigantes feros de osos firmes
e anchos hombros de ouro.

Entre os seus seos mornos
degolaban as cen frentes mouranas,
e ibanse enchendo de lumes fríos e brilantes
as louras cabezas sobre o vento.

Daba gozo aquel sono
e o arquexar dos seus pulmós de ferro ben batido
entre os brazos poderosos
da mar, calada sombra en vela.

[...]

"Cómaros Verdes", Aquilino Iglesia Alvariño

(Aquilino Iglesia Alvariño nasceu no dia 12 de Junho de 1909. Morreu em 1961.)

domingo, 29 de julho de 2018

Aquilino Iglesia Alvariño 3

Esta é a mar dos solpôres

Esta é a mar dos solpôres recendentes a mazás coloradas.
Debaixo, asolagados, fondos vales
e alboradas con páxaros de rabos longos de silencio.

Este é a mar, triste sombra desgazada
de altísmos montes cheos de neve,
que pelengrinaron soles inmensos e senlleiros.

Xa nin montes de neve nin soles recén nados.
Mais a súa sombra, sí, mar sin consolo.
A súa sombra de auga, amargues bágoas.
A súa sombra leal, triste lamento e longa noite.

Ónde aqueles montes altísmos
que aconchegaban contra o teu seo
o rebrilo das súas craras cabeleiras?

E o alento, e o peito poderoso
que inda arquexa profundo, quente e vivo
entre as olas, aló pol-a alta noite?

A mar non sabe nada.
A mar é sólo unha
sombra amargue de cinzas sin mamoria,
un desolado peito, todo oco,
que zoupan as súas maus poderosas e encrenchadas.

[...]

 "Cómaros Verdes", Aquilino Iglesia Alvariño

(Aquilino Iglesia Alvariño nasceu no dia 12 de Junho de 1909. Morreu no dia 29 de Julho de 1961.)

terça-feira, 12 de junho de 2018

Aquilino Iglesia Alvariño 2

Dios escuro

Triste é pensar que noite, neve e olvido
matando irán o lume arrebatado.
E é ben doce nembrar, acobadado
xunta á bacante, o trunfo desmedido.

Do vencedor é o ramo verdecido.
Si que é, e o bronce, e o són e o vento irado.
Pero de Anteo, escuro e escartizado,
non sei que remance non vencido.


Delor, delor, delor que vai no vento.

No vento. E vai na onda devalando.
Na onda. Mar e vento. Ai, pensamento!

Delor, delor. Delor resucitando,
Dios escuro, delor, puro tormento,
cada mañá o seu lume renovando.


 "Lanza de Soledá", Aquilino Iglesia Alvariño

(Aquilino Iglesia Alvariño nasceu no dia 12 de Junho de 1909. Morreu em 1961.)

segunda-feira, 12 de junho de 2017

Aquilino Iglesia Alvariño

Cruceiro aldeán

Na encrucillada oscura dos meus vèrsos de sombra
chantèi, piadosamènte, unha cruciña tosca,
no xabre dos meus pòbres pensamèntos.

E fun vertendo o òleo perfumado da i-alma
na cunquiña de barro destas ermas palabras
para alumar, de noite, o seu silèncio...

A lua campesiña veu pousar onde a cruz
- cansada do camiño - o seu feixe de luz...
E reza mui baixiño, mui baixiño...

... Na encrucillada oscura dos meus vèrsos de sombra
abre Xesús os brazos, cheios de paz, na fonda
señardade calada dos camiños...


"Corazón ao Vento", Aquilino Iglesia Alvariño

(Aquilino Iglesia Alvariño nasceu no dia 12 de Junho de 1909. Morreu em 1961.)