terça-feira, 15 de janeiro de 2019

Manoel Riveiro Loureiro

E daquela foi cando Anselmo lle fixo notar ao crego un lote de cousas ben doadas de ver. Por exemplo que eran chegadoiros, moi próximos xa e talvez inminentes, os cambios políticos; que as trazas viraron facareñas para os que hoxe mandan en España; que arestora, a estas alturas do século, hai que esquecer os métodos e mailas rigoridades de antes; que os tempos son outros e outras son as circunstancias; que estamos na década dos corenta, e non na dos trinta; que o franquismo está a morrer, dende logo que a piques de caer, totalmente periclitado (como lle gustaba a Anselmo esta estraña palabra, "periclitado", un termo do máis raro que de seguro aprendera el nas súas longas horas de radioescoita, e que usaba arreo tal coma outros usan agora outra verba para Antón non menos rara, "obsoleto"); que a guerra está a punto de acabar, e que non hai dúbida de que a gañan os aliados, con todo o que isto significa para un réxime coma este, declaradamente pronazi e abertamente colaborador coa Alemaña máis agresora e criminal...
Anselmo non deixaba de informar ao outro, aplicándose con ardoroso afán a facerlle entender cabalmente os datos que lle ofrecía, coma quen ensina ao que non sabe.
- Podes crerme que é así como cho estou dicindo, non vaias pensar outra cousa. As vangardas das forzas aliadas... Ou mellor dito, as avanzadas do exército ruso, xa estarán a tal hora achegándose a Berlín, ou pouco menos. Alí Hitler está a caer, e despois... Home, ti dirás. Xa que logo Franco ten os días contados.

"Xullo-Agosto", Manoel Riveiro Loureiro

(Manoel Riveiro Loureiro nasceu em 1933. Morreu no dia 15 de Janeiro de 2009.)

Sem comentários:

Enviar um comentário