Anxo da noite, cazador no escuro
que vés flamíxero a me expulsar do souto:
o varal está listo, a andália posta,
o corazón afeito ao longo exílio.
O mundo que eu criei foi só de sombras,
soños foron os froitos, as vendimas,
e só o amor brillou, brillou acaso
tamén o lar da pátria sempre aceso
que me mantén o sangue enaltecido.
Mais a palavra, si, foi sempre viva,
foi espada e arado e cotovia,
lanza de señardá, ai meu amigo,
derrota e singradura. O artifício
é o que me leva agora a este desterro:
quero volver á simples moradia
que un dia fixen no dintel do vento,
á terra de labor, xa feito cinza
para pular na saiva, e ter de novo
os paxaros na man... Ese outro tempo!
"Última Fuxida a Harar", Avilés de Taramancos
(Avilés de Taramancos nasceu no dia 6 de Abril de 1935. Morreu em 1992.)
Sem comentários:
Enviar um comentário