sábado, 27 de agosto de 2016

Florencio Delgado Gurriarán 2

Ahí ven o Maio

Ahí ven o Maio pola porta do xardín,
ahí ven o maio de enterrar ao pai Abril,
(O Maio garrido cansiño de chorar,
enxoitou o seu pranto con panos de luar).

Ahí ven o Maio pola porta da campía
ahí ven o maio, galán da cotovía,
(O Maio garrido tiña un cambai brunedo,
o sol espafarrapóullo côs seus dourados dedos).

Ahí ven o Maio pola porta da debesa,
ahí ven o Maio côs seus brincos de cireixas.
(O Maio garrido anda a bebelos ventos
pola terra, rapaza de doces arrecendos).

Ahí ven o Maio pola porta do soutelo,
ahí ven o Maio có seu colete amarelo.
(O Maio garrido, nos intres de vagar,
có mestre rouxinol adeprende a cantar.

Ahí ven o Maio pola porta do valado,
ahí ven o Maio cô seu traxiño branco.
(O Maio garrido, para saudar o vran,
pon luvas de etiqueta  con frores de S. Xoán).

Ahí ven o Maio. ¡Ábrelle as portas, moza,
que trai, por gorentarte, caraveles e rosas!

Alí ven o Maio,
Maíño, Maiolo;
na verde camisa
botois de amerodos;
monteira frorida,
a roupa das festas;
e un caraveliño
por riba da orella;
pieites de silveiras
pieitanlle o cabelo,
anda a namorare
coma un mozo cedo.

"Cantarenas. Poemas 1934-1980", Florencio Delgado Gurriarán

(Florencio Delgado Gurriarán nasceu no dia  27 de Agosto de 1903. Morreu em 1987.)

Sem comentários:

Publicar um comentário