Mostrar mensagens com a etiqueta Onte e Hoxe Vivencial. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Onte e Hoxe Vivencial. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, 11 de dezembro de 2020

Manuel Rodríguez López 7

O muíño da Fervedoira

Esquecido no fondo dunha rega,
esborrállase o muíño fariñeiro
tradado pola couza no farneiro,
na buxa, na peneira, na moega.

Xa non se lembra da última fanega
de molaxe trocada en pan albeiro,
nin a frescura sente do regueiro
que á súa beira rápido escorrega.

Non deixa a mesta fraga ve-lo ceo
nin o solpor nin a brillante aurora
e, por veces, ecoa un longo ouveo.

O seu monótono treinar, noutrora,
invitaba a ruar e ó parrafeo
¡Que só e abandonado fica agora!

"Onte e Hoxe Vivencial", Manuel Rodríguez López

(Manuel Rodríguez López nasceu no dia 11 de Dezembro de 1934. Morreu em 1990.) 

sexta-feira, 11 de dezembro de 2015

Manuel Rodríguez López 2

Galicia é paisaxe

Sei de moitas promesas e ditos
incumpridos ó longo dos anos.
Sei de xentes que dan noraboas,
parabéns e saúdos falsarios.
É verdade que trunfa a cobiza
e que existen milleiros de ananos.
Ousadía, desdeixo, intereses,
sanguesugas, lambóns, desleigados...
Cánto fede na nosa Galicia
dende tempos remotos, lonxanos.
Non me extraña que certos poetas
entretezan lamentos e prantos,
que a denigren e clamen de cote
confundíndoa con tanto fillastro...
 

O solpor, a calor e os nubeiros,
as devesas, as chairas e os castros,
os picoutos, as veigas e as agras,

as sen par carballeiras e os soutos,
as saraibas, os tronos e raios...
¡Esa é a miña Galicia inmortal
noiva e nai rebordante de engados!
Amarelos de xestas e toxos,
verdes fortes, escuros e claros,
cor pizarra, granito e cereixa,
auras frescas, xeadas e orballo...
Regalía da vista e do espírito,
farturentas paisaxes e encantos...
iso é a Terra, a Galicia ancestral
que pretenden zuga-los ananos.


"Onte e Hoxe Vivencial", Manuel Rodríguez López

(Manuel Rodríguez López nasceu no dia 11 de Dezembro de 1934. Morreu em 1990.)