Mostrar mensagens com a etiqueta José Baña Pose. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta José Baña Pose. Mostrar todas as mensagens

segunda-feira, 4 de janeiro de 2021

José Baña Pose 3

[...]
Todos estes traballos pasei antes de nacer porque meus pais non son fillos de quen herdano, sinón sobriños herdeiros.
De pequeño disque era mui calado; sempre estaba co dedo gordo do pé na boca. Ós catro anos xa camiñaba só.
Fun á escola tres anos e nunca me bourou o mestre. De doce anos astra que vin prá Habana fun sempre cas ovellas. Cando lle rezaba o responso a S. Antonio da Golada nunca me faltaba ningunha. Ós dez e sete anos vin prá Habana. A promeira colocación que tuven fui en Carmen e Tenerife, nunha bodega.
Nos dez e oito días que estuven non quedou nunca o dulce por comer. Ás nove da noite tiña que sacar un can como un lobo a mexar, pola corda. Unha noite apareceuse unha cadela con uns cantos amigos cans. Eu tiña o meu can suxeto á miña cintura pola corda, para comer con pacencia o dulce que trougera no peito, e ó ver a cadela o meu can botou a correr comigo arrastrado, que si non fora unha parexa de Orden Público, xa ninguén se acordaba de min hoxe.
Os sitios onde estuven traballando non ten conta, nin os oficios que empecei.
Fun casado unha ves e teño fillos da promeira muller.
Son o promeiro no mundo que se chama Pepe de Xan Baña.
[...]

"Suspiros n'a Terriña", José Baña Pose

(José Baña Pose nasceu no dia 4 de Janeiro de 1872. Morreu em 1945.) 

sábado, 4 de janeiro de 2020

José Baña Pose 2

Nacín o día catro de xaneiro do ano mil oitocentos setenta e dous, unha noite de xiada dos demos. Ó outro día mataron os cochos. Houbo grandes loitas por causa miña. Promeiro veu unha muller da Penela pra miña nai, pro marchou da casa e casouse con quen lle chamaban o Mouro da Golada, e o que había de ser eu é hoxe Perfecto do Mouro. Logo veu un chamado Antón de Lopes pra ser meu pai, pro quería que lle fixesen o papel de todo pra casarse con miña nai, e miña nai non quixo. Si se fixera este casamento eu estaría morto hoxe, porque o promeiro fillo que tuvo ese home morreu.
Logo veu meu pai, o millor mozo desde Traba a Laxe, e desde Malpica á Barcala, casouse con miña nai, e aquí está o fillo máis vello, que son eu.
[...]

"Suspiros n'a Terriña", José Baña Pose

(José Baña Pose nasceu no dia 4 de Janeiro de 1872. Morreu em 1945.) 

terça-feira, 16 de outubro de 2018

José Baña Pose

Diante de min mismo

Eu só

Vaia, cheguei da Habana,
hai trinta anos que marchei,
deixando dous por contar,
prós traballos que pasei.
¿Que trougen?, ¿que teño?,
¿quen son?, ¿qué valo?,
¿a que veño?
Cartos non mandei ningúns,
na Habana non os deixei;
teño irmáns e sobriños,
nada non lle regalei.
Faco na corte non ten,
son eguas mui barrigudas.
Nin teño freno nin pelica,
¿a que vés, Pepe de Xudas?
Así estaba eu pensando,
alí detrás do soleiro,
cando lle estaban botando
o capirucho ó palleiro.
¡Pórme a traballar agora,
dempois de mozo acabado,
pra que digan: vén de fóra,
por ser un esvaliado!
Os becerriños na corte
bruaban por súas nais,
os años e os cabirtos
cuidaban deles meus pais.
A casa soa, sin lume,
os rapaces coas vacas,
e fun pra alí porque vin
da súa cachela o fume.
Un pequeniño dun ano
tiñan quentando á cachela,
ás cabras botando fóra
o can grande e cadela.
¡E terei vergonza eu!
Todo o mundo traballando,
e non valo nin siquera
pra andar no monte co gando.
Comendo mui finamente,
eu adiante dos demais,
o mesmo que deben comer,
ó menos, meus vellos pais.
Boa cama, bo xergón,
por miña nai espelido,
un refaixo remendado,
¿e eu de novo vestido?
Teño a miña herencia aquí,
algo así me resumía:
¿Herencia? Eu que nacín,
e traballar non quería.
Ademais, ¿qué merezo
en trintadous anos fóra?
¿Quen traballou estes bens?
¿Quen termou deles astra agora?
¡Marcho! ¡Voume!
Eu aquí non fago nada,
estorbo, son ninguén,
¡Dios me dea boa fada!

"Suspiros n'a Terriña", José Baña Pose

(José Baña Pose, conhecido como Pepe de Xan Baña, nasceu no dia 4 de Janeiro de 1872. Morreu no dia 16 de Outubro de 1945.)