Mostrar mensagens com a etiqueta Eusebio Lorenzo Baleirón. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Eusebio Lorenzo Baleirón. Mostrar todas as mensagens

segunda-feira, 25 de janeiro de 2021

Eusebio Lorenzo Baleirón 6

De como ao poeta A. Cunqueiro lle saíron flores por versos no poema

A luz dos barcos
chega sempre detrás dos primeiros vapores
da ría
a despertar as pombas polas prazas
e as aves que amañecen a beber nos caneiros.
O poeta soñaba
un horizonte de augas mansas
e princesas e illas en claras primaveras.
"Esa luz ben pode ser
o canto da pardela miña amiga,
un corazón de follas entre as chuvias
que precisa das hedras e da araxe
e das rosas de abril."
Como se todo resucitase
nesa flor
que nos medra nas mans
igual que o verso,
a sombra de outro tempo poderosa
e os sabores azuis do mar salgado.

"A Morte Presentida", Eusebio Lorenzo Baleirón

(Eusebio Lorenzo Baleirón nasceu no dia 25 de Janeiro de 1962. Morreu em 1986.)

sábado, 25 de janeiro de 2020

Eusebio Lorenzo Baleirón 5

De ollos fechados

Os nenos da cidade procuran cando soñan
o rosto das imaxes dormidas entre a pedra
mais é grande a tristeza
e multiplas as formas do desexo que invocan.
É por iso que choran cando calan as fontes
e deitan sobre eles outros corpos preséncias;
água clara na hora da mañá descoberta,
tristeza entre a follaxe do seu turvo futuro.
Os nenos, na cidade, suspeitan da beleza
dun poente cinzento no mar das carruaxes,
coñecen cando chegan os anxos da loucura:
é por eles que agardan.
Os nenos, cando a tarde demora o seu final
escreben cousas tristes sobre as húmidas páxinas
e deixan tras de si unha auséncia de núbens
en que tamén eu soño: da luz para a palabra.


"O Corpo e as Sombras", Eusebio Lorenzo Baleirón

(Eusebio Lorenzo Baleirón nasceu no dia 25 de Janeiro de 1962. Morreu em 1986.)

sexta-feira, 25 de janeiro de 2019

Eusebio Lorenzo Baleirón 4

Unha muller está a soñar

Un pequeno país era o seu rosto
de costas para o mar
no que antigos mercaderes
encetaban as rotas do marfín
e as especias.
Unha rexión nevada ao pé dos bosques
que cruzaban carretas misteriosas
guiadas por cegoñas como pontos de luz.
E pequenos dedos foron tecendo
linguas de mar
até as ribeiras firmes
para gardar o sono da muller en calma.
Ela levaba nos ollos
un pálpito de seres e de voces;
o intenso silencio da noite
pesáballe nos brazos e nas tempas...
Como quen sempre está a soñar
e non acorda.


"A Morte Presentida", Eusebio Lorenzo Baleirón

(Eusebio Lorenzo Baleirón nasceu no dia 25 de Janeiro de 1962. Morreu em 1986.)

quinta-feira, 25 de janeiro de 2018

Eusebio Lorenzo Baleirón 3

A quimera de Sísifo

Ao mar os horizontes e ás miñas sens os días
Así como a palabra perdida torna ao centro
volve o ser e devala e nunca o ritmo
dun empardecer coas cores do confín
vén salvarme. ¿Entenderá o destino
as tentativas, a rebelión visíbel
do que sen fin desperto pensa talvez na morte?
Pode que a pergunta nos deixe inermes, cegos,
diante do grande enigma; ¿mais
que - noutro tempo - deus ignoto
deu tal castigo a un home?
Perségueme inda a sombra
cando pola encosta inerte
sinto a pena en min.
Que ningún ser ou cousa amose compaixón;
tal precio paga quen desafía o oculto
e ousa demandar razón e causa,
tan amarga e terríbel a súa débeda é.

"Gramática do Silencio. Obra Poética", Eusébio Lorenzo Baleirón

(Eusebio Lorenzo Baleirón nasceu no dia 25 de Janeiro de 1962. Morreu em 1986.)

quarta-feira, 25 de janeiro de 2017

Eusebio Lorenzo Baleirón 2

Escoita a lúa.
Tristeza de ser busca infinita
buscándote.


Soidade, silencio de mar e ceo,
silencio de verán morno, disperso.
Frente da praia en soño
vou esquecendo o tempo.
Tristeza de buscarte en rectángulos de luz,
abrentes verticais de illas perdidas.
En procesión de insomnios polo peito
pasan aves sen fuga nin retorno.
Que triste é o oficio do que agarda
sentado á porta mesma do seu ser.


"Gramática do Silencio. Obra Poética", Eusébio Lorenzo Baleirón

(Eusebio Lorenzo Baleirón nasceu no dia 25 de Janeiro de 1962. Morreu em 1986.)

domingo, 25 de janeiro de 2015

Eusebio Lorenzo Baleirón

Mencer en Compostela 

Ao lombo dun poldro de néboa vai chega-lo día
incendiando as campías coa súa luz de soño
e diranos da auga como dorme nas canles
e perderase ledo polos arbres antergos. 
Nos xardíns, como sempre, xermolarán os lirios
e todo será entón imaxe da memoria.
Xa vai chega-lo día sobre un poldro de néboa
para abanar recordos e recubri-las lousas.
E falarei convosco e con todo o que vive
das múltiples facianas que quedan en nós mesmos,
e xuntaría forzas para inventar cada hora
fervenzas de ilusión con que vestirme os ollos...
Que vai chega-lo día a cabalo dun poldro 
e tan só do meu corpo poderán quedar sombras.

Eusebio Lorenzo Baleirón 

(Eusebio Lorenzo Baleirón nasceu no dia 25 de Janeiro de 1962. Morreu em 1986.)