Mostrar mensagens com a etiqueta Nimbos. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Nimbos. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, 19 de fevereiro de 2021

Xosé María Díaz Castro 9

Vísperas

Polos días do Carmio a festa chega ó río.
Unha música ardente vén no aire coma un río
de recordos. Foguetes lonxanos cáin no río.
Este é o Porto-Muíño, todo en lapas, o río.

O río está deitado coma un boi remoendo,
i o Tempo non sei qué anda rente dél remexendo.
As bágoas do ameneiro cáin pola noite abaixo,
e fan céios pequenos de estrelas alombaixo.

Nas puntiñas dos pés a festa chega ó río,
i anésgase, larmeira, á veiriña do río. 
Despóis vólvese tola: brinca o río berrando,
e pérdese nos bímbios i as xesteiras beilando,

i acéndese nos vidros da aldeia chea de anos,
i ergue a meiga as palpebras de animás e cristianos... 
Chora o ameneiro en sonos (Qué bén se óin os muíños!), 
e chora polo tempo perdido nos camiños. 

Ai cómo está de bágoas de nenos feito o río! 
Este é o Porto-Muíño, todo en sombras, o río.
A Virxe pasa a mau polo lombo do río... 

"Nimbos", Xosé María Díaz Castro

(Xosé María Díaz Castro nasceu no dia 19 de Fevereiro de 1914. Morreu em 1990.)

quarta-feira, 19 de fevereiro de 2020

Xosé María Díaz Castro 8

Cortina

Diante él unha muller, doce feitura,
i un fillo criado, única vitória.
Tras dél fragas zuando, paus, loucura,
e mozas coma rosas, longa hestória.

Ei Farruco da Rolda: Dame lume.
Terma aínda da lus que antre nós arde.
Pro non! Non tento máis que pedra e fume,
i en toda cousa se metéu a tarde.

Nesa tarde cargada de lorbagas
véu o Siléncio. Xa tras dél as fragas,
perdidas coma ovellas, a zuar.
Tras dél o fillo, a casa i a muller.
Morréu. Os bois volveron a pacer
e trálo arado as pegas a brincar...

"Nimbos", Xosé María Díaz Castro

(Xosé María Díaz Castro nasceu no dia 19 de Fevereiro de 1914. Morreu em 1990.)

sexta-feira, 5 de julho de 2019

Xosé María Díaz Castro 7

Esmeralda 

Herba pequerrechiña 
que con medo surrís
ó sol que vai nacendo
e morrendo sen ti,
por qué de ser pequena
te me avergonzas ti?
O Universo sería
máis pequeno sin ti!

"Nimbos", Xosé María Díaz Castro

(Xosé María Díaz Castro nasceu em 1914 e morreu em 1990. "Nimbos" foi publicado no dia 5 de Julho de 1961 pela Editorial Galaxia.)

terça-feira, 19 de fevereiro de 2019

Xosé María Díaz Castro 6

Coma brasas 
 
Poeta ou non, eu cantarei as cousas

que na soleira de min mesmo agardan.
Alumarei con fachas de palabras,
ancho herdo meu, o mundo que me deron.

Eí están, coma brasas contra a noite,
as vellas cousas, cheas de destinos.
Ollos que piden, de famentos nenos.
Ollos que esperan, dunha adoescente.

Galiza en min, meu Deus, pan que me deron,
leite e centeo e soño e lus de aurora!
Longa rúa do mar, fogar da terra,
e esta crus que nos mide de alto a baixo.

Con este alento, eu lles darei ás cousas
o drama cheo que lles nega a vida:
dareilles rostos, para que se conozan,
palabras lles darei para que se entendan…

"Nimbos", Xosé María Díaz Castro

(Xosé María Díaz Castro nasceu no dia 19 de Fevereiro de 1914. Morreu em 1990.)

terça-feira, 2 de outubro de 2018

Xosé María Díaz Castro 5

Terra sucada

Terra sucada, poema
de cen versos, na outonía!
Orballa na cal, no estreito
camiño de tantas vidas.

Ferve o grau, pulo enterrado
de criatura dormida.
Corpo tirado na fraga,
terra arada, nai perdida!

"Nimbos", Xosé María Díaz Castro

(Xosé María Díaz Castro nasceu no dia 19 de Fevereiro de 1914. Morreu no dia 2 de Outubro de 1990.)

segunda-feira, 19 de fevereiro de 2018

Xosé María Díaz Castro 4

Coma ventos fuxidos

Estes non son poemas, nin cimentos
de poemas siquera. Son fragmentos
de min mesmo perdidos,
coma ventos fuxidos,
por antigos camiños esquencidos:
Díaz Castro perdido no traxeito
dun recordo moi longo, recolleito
por un anxo e salvado
nalgún intre de amor desesperado!

"Nimbos", Xosé María Díaz Castro

(Xosé María Díaz Castro nasceu no dia 19 de Fevereiro de 1914. Morreu em 1990.)

domingo, 19 de fevereiro de 2017

Xosé María Díaz Castro 3

Terra achaiada

Ei, o sol, niño ardendo nos loureiros!
Alegría do agro cheo de homes!
Nos meus ollos de neno lapas, hoxe
terra rebada.

Lóstrobos enroscados das fouciñas
e voces grandes coma de meu pai!
Ruxir aceso das paveas, hoxe
praias do vento.

Sobre da lapa das espitas, ei!,
un son de frauta ou chafarís de ameixas.
Muiñeiras de anxos polos trigos, hoxe
sombras alleas.

Us beizos duros co cigarro ó enxizgo
moulando hestorias dos cañós de Cuba.
Un neno atúa ós petrucios, hoxe
pó caladiño.

Bérrolle ó sol bendito, ó can raxado
que abrouxa o sono dos carballos, ei!,
ás maus ulindo a tarde espigas, hoxe
terra na terra.

Bérrolle á nena coa mazá nos dentes
que perdéu o seu nome tralo atlántico,
berro nas portas doutro mundo, e non oio
máis que o meu berro!

"Nimbos", Xosé María Díaz Castro

(Xosé María Díaz Castro nasceu no dia 19 de Fevereiro de 1914. Morreu em 1990.)

sexta-feira, 19 de fevereiro de 2016

Xosé María Díaz Castro 2

A noite é...

Hai homes cheos de sombra,
homes a contralús
que che fan ver a Deus
coma unha mar de lus.


A Noite é necesaria
pra que ti poidas ver
sobre o medo e o mal
as estrelas arder.


"Nimbos", Xosé María Díaz Castro

(Xosé María Díaz Castro nasceu no dia 19 de Fevereiro de 1914. Morreu em 1990.)

quinta-feira, 19 de fevereiro de 2015

Xosé María Díaz Castro

Penélope

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza
aran os bois e chove.


Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mól como unha uva.
Pro ti envóveste en sabas de mil anos
i en sonos volves escoitar a chuva.


Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.


Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!


"Nimbos", Xosé María Díaz Castro

(Xosé María Díaz Castro nasceu no dia 19 de Fevereiro de 1914. Morreu em 1990.)