Nacía, coa mañá, a terra de Ávila. Luz estraña ós sucos infindos,
xeados. Brillar ceibe do día. Dous chopos esquemáticos: a idea do chopo.
Puro pensamento materializado na mañá. Pesadelo dunha misticidade
obrigada. Desexo de cabalgar todo o día por aqueles chans, bebendo luz,
sentindo decorrer o sangue polo corpo. Erguemento azul da serra na
planura. Soben e baixan os fíos do telégrafo. Contraste da quentura, un
pouco de alcoba de enfermo, de noite acugulada e durmiñenta do vagón, co
brillar do día. Viaxa a noite apegada ás maletas, ás caras, ás mans, á
lampada. Hai un recordo dos brancos faros, de León, de Venta de Baños,
de Medina, do alento dos depósitos de máquinas. Aquela “jota” cortante
oída en Medina. Chamaban polos coches dun tren mixto: “¡Pepe, Pepe!”
Había unha longa saudade do ele solto en Castela cando o mozo cantaba:
“¡Portugal!” O vagón vibraba cos golpes que dan os mozos de percorrido.
"Arredor de Si", Ramón Otero Pedrayo
(Ramón Otero Pedrayo nasceu no dia 5 de Março de 1888. Morreu em 1976.)
Sem comentários:
Enviar um comentário