quarta-feira, 22 de abril de 2015

Victoriano Taibo

¡Loitadores da Terra…!

¡Loitadores da Terra,
xa comeza a batalla!


As campás, a rebato,
por cumios e chanzadas,
aos bos e xenerosos
con irtas voces chaman.


Nas estreitas congostras
e largacías gándaras,
no pinal fungadore
e nas soantes praias,
óese o batido tráxico
das fouces e bisarmas,
e aqueles laios doridos
das gorxas abafadas,
triunfais himnos son xa
que a nova ceifa xubilosos cantan.


¡Loitadores da Terra,
xa comeza a batalla!


A voz afouta e rexa
que por nosoutros chama
é o berro punxente, arelante e guerreiro
da terra asoballada.


Os tempos son chegados
das esgrevias cruzadas,
van comezare os feitos
que os bardos anunciaran,
a loita será longa,
a contenda afiuzada,
nela caeran os corpos,
mais, triunfarán as almas.


¡Ai daqueles traidores
xordos á voz da Raza!
¡E tamén ai daqueles
inimigos da Patria,
que covardes deserten
no balbor estrondoso da xornada!


¡Loitadores da Terra,
xa comeza a batalla!


¡Contade coa miña vida!


¡Oh se soa abondara
para facere unha terra ceibe e rica
da miña pobre terra asoballada!


"Abrente", Victoriano Taibo

(Victoriano Taibo nasceu no dia 22 de Abril de 1885. Morreu em 1966.)

Sem comentários:

Publicar um comentário