Virxen da Guía
¿Por qué tanto s’apresta
toda a xente das dornas este día?
Porque son de Carreira e van á festa
da patrona de alí, Virxen da Guía.
Rematan de coce-la caldeirada,
ben feita, cuciñada
entre as pedras da praia.
Tiña patacas, raia,
aceite, sal, pimento,
e non sei se algún outro condimento.
¡Qué ben arrecendía todo aquelo!
¡Reconcho! Daban ganas de comelo.
Logo moi satisfeitos
a casa de Martínez van dereitos
facer contas con el,
importe da langosta,
que colleran pescando pola costa.
Sírvelles, Ismael,
vasos cheos de viño,
e dispois compran caña pra o camiño.
As dornas alá van, deixan a ría
da vila de Muxía:
con bon vento xuntiñas navegando,
soltas as velas, firmes as escotas,
asomellan un bando
de brancas gaivotas
que van do mar ás rentes aleando.
¡Qué cheos de contento
todos eles están!
botando cantareas,
lixeiros van, deixando a sotavento
a Buitra, Touriñán,
as de Nemiña e Duio albas areas,
Punta da Nave, cabo de Fisterra
onde a sirena berra
cando hai gran cerrazón que bota medo,
despois a Monte Louro e Corrubedo,
Ría de Arousa… están na sua terra.
Chega o día da festa, os pescadores
a misa van primeiro,
e cumpren sua promesa,
agradecendo á Virxen seus favores
por sacalos con ben da sua empresa,
mas tarde empezan a gastar diñeiro:
comen, beben e bailan á sua gana,
tod se vai en gastos de alegría,
de modo qu’ese día
a casa toda vai pola ventana.
Volven ao mar para gana-la vida;
na hora da partida,
suas mulleres na ribeira están,
e cando xa moi lonxe ven as velas,
chorando dicen elas:
- ¡Miña Virxen da Guía! ¿Volverán?
Victorino Abente y Lago
(Victorino Abente y Lago nasceu no dia 2 de Junho de 1846. Morreu em 1935.)
Sem comentários:
Enviar um comentário