Mostrar mensagens com a etiqueta Xosé Filgueira Valverde. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Xosé Filgueira Valverde. Mostrar todas as mensagens

domingo, 28 de outubro de 2018

Xosé Filgueira Valverde 5

Furnas da dura costeira
si tedes a vos primeira,
ese cantar
querédesmo ben mostrar?

Furnas do alto penedo,
si sabés a vos que eu quero,
ese dizer
eu quixera deprender.

Si tedes a vos primeira,
feita sabor da ribeira,
ese cantar
querédesmo ben gardar?

Si sabés a vos que eu quero,
feita do mar e do ceo,
ese dizer
eu viñera por saber.

Feito sabor da ribeira,
furnas da dura costeira,
ese cantar
non m'o querades negar!

Feito de vento delgado,
furnas do penedo alto,
ese dizer
non o deixedes perder!

"Seis Cantigas de Mar in Modo Antico", Xosé Filgueira Valverde 

(Xosé Filgueira Valverde nasceu no dia 28 de Outubro de 1906. Morreu em 1996.)

sábado, 28 de outubro de 2017

Xosé Filgueira Valverde 4

Un loureiro esguío
i-un cantar antigo,
no Santo do Mar.


Un loureiro illado
i-un cantar lonxano,
no Santo do Mar.


Un cantar antigo,
por amor amigo,
no Santo do Mar.


Un cantar lonxano
por amor amado
no Santo do Mar.


Por amor amigo,
das ondas traído
ó Santo do Mar.


Por amor amado,
das ondas levado
ó Santo do Mar.


Das ondas traído,
co loureiro esguío
do Santo do Mar.


Dos ventos levado,
co loureiro illado
do Santo do Mar.


"Seis Cantigas de Mar in Modo Antico", Xosé Filgueira Valverde 

(Xosé Filgueira Valverde nasceu no dia 28 de Outubro de 1906. Morreu em 1996.)

sexta-feira, 28 de outubro de 2016

Xosé Filgueira Valverde 3

Nosa Señora da Barca
eu ben a vin no sol posto;
ten unha rosa na man,
outra na mazán do rostro.


Nosa Señora da Barca
eu ben a vin no sol novo;
ten unha estrela no mar,
outra dormida no colo.
 

Ten unha rosa na man,
outra na mazán do rostro.
Nosa Señora da Barca,
vinde vela no sol posto!
 

Ten unha estrela no mar
outra dormida no colo,
Nosa Señora da Barca,
vinde vela no sol novo!


"Seis Cantigas de Mar in Modo Antico", Xosé Filgueira Valverde 

(Xosé Filgueira Valverde nasceu no dia 28 de Outubro de 1906. Morreu em 1996.)

quarta-feira, 28 de outubro de 2015

Xosé Filgueira Valverde 2

Porque non seca a morte a fonte das cantigas
eu vos chamo, segreles, que veñades cantar
onde os verdes loureiros gardan vellas ermidas,
cabo das sabias ondas sulcadas do luar,
das insuas da ribeira nun antigo lugar,
¡San Cremenço do mar!


Porque non tolla o frío o albre dos cantares
eu vos digo, rapazas, que vaiades bailar
onde os gayos loureiros quecen fríos fogares,
cabo das tolas ondas, cando o sol vai raiar,
das insuas da ribeira no máis ledo lugar,
¡San Cremenço do mar!


"Seis Cantigas de Mar in Modo Antico", Xosé Filgueira Valverde 

(Xosé Filgueira Valverde nasceu no dia 28 de Outubro de 1906. Morreu em 1996.)

segunda-feira, 18 de maio de 2015

Xosé Filgueira Valverde

O escolante de Illobre viña todos os seráns deprenderme a doutrina para me ir confesar. Un día co gallo dos mandamentos pregunteille:
- Don Xabiel, que é fornicar?
Don Xabiel, aquel vello velliño bo e sabedor, que endexamais tivo segredos para min, que decote respondeu ás miñas demandas, olloume moito cos seus olliños pequeneiros e dixo dubidando:
- Fornicar... é escoitar o asubío dun paxaro estando nun sermón...
Aquela noite, cando don Xabiel falou cos meus pais, mamá estaba cavilosa e o meu pai riu ás gargalladas.
De alí a dous días houbo misión en Lamas, leváronme alá. O frade pregaba no adro subido ao chanzo do cruceiro. Miña nai puxo a súa cadeira baixo as pólas do castiñeiro vello. O frade falaba no cruceiro, e no castiñeiro asubiaba un paxaro. Eu fuxía de oír ao paxaro e arelaba escoitar ao frade, mais tanto fuxín da cántiga que rematei pondo atención nela.
Así foi como eu cometín o meu primeiro pecado.

"Os Nenos", Xosé Filgueira Valverde 

(Xosé Filgueira Valverde é o homenageado do Dia das Letras Galegas 2015, que hoje se assinala. Nasceu no dia 28 de Outubro de 1906 e morreu em 1996.)