Mostrar mensagens com a etiqueta O enigma do menhir. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta O enigma do menhir. Mostrar todas as mensagens

quarta-feira, 29 de maio de 2019

Agustín Fernández Paz 4

Pero a noticia que acabo de ler no xornal de hoxe produciu dentro de min un efecto perturbador, e fíxome aflorar de novo as peores lembranzas. As protestas contra a destrucción do monte do Coto do Rei van en aumento, a xente oponse a que a autoestrada o coute polo medio e medio. As declaracións dos opositores son as de sempre, cántas veces non as terei oído xa: que é unha das poucas zonas do concello onde as árbores autóctonas aínda permanecen, que hai valiosos restos de orixe prerromana, que o seu valor paisaxístico e ecolóxico é incalculable... Eu mesma, noutras circunstancias, tamén subscribiría esa defensa. ¿Como podo explicar entón o temor que me invade cando penso que os políticos de Madrid poden ceder a estas presións? Total, para eles este non é máis que un lugar afastado do noroeste da península, un punto do mapa sen ningún significado especial. Qué máis lles ten ceder, deixar que a autoestrada rodee o monte, aínda que teña que ter unha curva máis. ¡Se mesmo lles é máis barato facelo así!

"O Enigma do Menhir", Agustín Fernández Paz

(Agustín Fernández Paz nasceu no dia 29 de Maio de 1947. Morreu em 2016.)

quinta-feira, 12 de julho de 2018

Agustín Fernández Paz 3

Fomos ascendendo por carreiros estreitos, coas bicicletas da man, decididos a chegar ata o máis alto do outeiro. Ninguén debera andar por eles en moito tempo, pois as polas das árbores tupíranos e facían difícil e noso avance. Cando xa nos atopabamos preto do cume, fixemos unha descuberta inesperada. A angosta verea pola que ascendiamos desembocaba nun aberto, unha especie de meseta onde as árbores non medraban. Era un calvelo semicircular, co chan cuberto de herba intensamente verde. No centro había un gran penedo chantado na terra e, moi preto del, unha extensa poza de auga que aparecía rodeada por un valo de pedras de pouca altura.

"O Enigma do Menhir", Agustín Fernández Paz

(Agustín Fernández Paz nasceu no dia 29 de Maio de 1947. Morreu no dia 12 de Julho de 2016.)

terça-feira, 29 de maio de 2018

Agustín Fernández Paz 2

O enigma do menhir

Hai ensinanzas que só a vida che pode aprender, pois é o paso dos anos quen nos vai facendo aceptar o que outrora xulgariamos insoportable. Cando se chega á miña idade, afeita a convivir de xeito permanente coa traxedia que tanto me marcou, a angustia perde os seus peores matices e acaba por integrarse na memoria coma se fose un vello membro do clan familiar. [...]

Agustín Fernández Paz

(Agustín Fernández Paz nasceu no dia 29 de Maio de 1947. Morreu em 2016.)