Mostrar mensagens com a etiqueta Augusto Casas. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Augusto Casas. Mostrar todas as mensagens

quarta-feira, 25 de setembro de 2019

Augusto Casas 4

Vai o rio Miño
coa Lúa da man.
A noite está leda
e van a bailar.
A soma do monte
í-o arume do val, 
as frores das ondas,
as pedras do chan,
a terra í-o ceo
a roda lle fan.

"Cantigas da Noite Moza", Augusto Casas

(Augusto Casas nasceu no dia 25 de Setembro de 1906. Morreu em 1973.)

terça-feira, 25 de setembro de 2018

Augusto Casas 3

Canzón

A noite é unha fror
para o meu amor!

O río tiña unha noiva,
meu corazón un amor...
Na noite cantaba o río,
cantaba o meu corazón...

Na noite había unha estrela
orfa de olladas e voz,
i o río, ao pé, de xionllos,
ía enfiando a conzón...

A noite é unha fror
para o meu amor!

"Cantigas da Noite Moza", Augusto Casas

(Augusto Casas nasceu no dia 25 de Setembro de 1906. Morreu em 1973.)

segunda-feira, 25 de setembro de 2017

Augusto Casas 2

Romance da lúa

Co arume da noite,
a lúa, tola, roxa,
malfadada depinicaba
saudades nos eidos da miña alma.
Como unha vaca bermella
as cornas tiña de prata pol-os ceos,
ledamente, o seu ollar paseiaba.

Lonxe as estrelas soaban,
campás doutas espadaiñas;
o chifro do vento erguía
un cheiro d'herba mollada;
o galanteio da serra
espenuxaba as suas falas,
i-o pecoreiro das somas
entre as cornas lle chantaba
un auturuxo afiado
na punta da sua aguillada.

A lúa - toliña, tola -
estrelas depinicaba.
A sua pel era bermella
i-as suas cornas eran brancas.
A vos da noite se ouvía:
"Ey, vaca, ey… Ey, Fidalga!"
I-ela com’unha siñora,
polo azur se paseiaba;
riba da testa, a follaxe
de milleiros de alboradas;
encol dos seus ollos lenes
a leda noite arrumada
de húmida herba ulindo
ao corazón dos alálas.
 
"O Vento Segrel", Augusto Casas

(Augusto Casas nasceu no dia 25 de Setembro de 1906. Morreu em 1973.)

domingo, 25 de setembro de 2016

Augusto Casas

Orazón á fouce

Bendita sexas fouce
pol-o teu gume feridor,
pol-a tua comba de preñez,
pol-o teu brilo de suor.

Abogada e siñora
do porvir…
Lús d’estrela
que en cada peito mozo
alcendes unha arela.

Chave d’ouro das grañas e searas,
dos pazos, dos piornos…
¡Ouh, tí, que fas frolir
o corazón dos corvos.

Na colleita d’estrelas
voas ao ceo ledo,
i-escorrentas as bruxas
na tua arista de medo.
¡Fouce, saúde!
Oxe bico o teu ferro
con garimo e tenrura,
- rella trunfal
para faguer os sulcos da fartura.-
¡Saúde, nai e dona
da nosa xuventude!

Pol-o teu gume,
agardo un día de burgués
a brincar e surrir
pol-os campos en frol da tua fé.

¡Bendita, tí, a ben feita!...
Bendita, tí, na man dos mansos,
a brilar no ronsel,
das espigas maduras, pol-os campos.

¡Bendita, tí, a ben feita!...
Bendita, tí, na man das mozas
qu’en colleitas d’amor
afanan as auroras…

¡Bendita, tí, a ben feita!...
Bendita, ti, na man dos cegos
porque lles dás a lús
para segar con xeito.

¡Bendita, tí, a ben feita!...
Eres calor e lume
i-unha fonte de lús
deitas pol-o teu gume…

Eu soño agora en tí
qu’eres semente de saudades,
espello da paisaxe,
bico da humanidade!

Estrela mor do ceo,
peito do noso amor,
nai e siñora nosa,
brila e loita con nós.

"O Vento Segrel", Augusto Casas

(Augusto Casas nasceu no dia 25 de Setembro de 1906. Morreu em 1973.)