quarta-feira, 24 de julho de 2019

Víctor Campio Pereira

Elexía para un pobo asolagado

Espallabas o teu antiguo corpo, Alberguería,
polas anchas terras da Veiga, ó pé do río Xares,
como un vello león de Nubia dormido sobre o tempo.

Nas longas noites da invernía,
apiñado arredor da vella eirexe,
o teu casal erguía as súas torres fumegantes
cara un amable ceo coroado de nimbos.

O pobo era un doncel amante e sabio
que fatigaba a terra co legón e coa aixada,
acendía fogueiras no cruce dos camiños,
poboaba os sendeiros de voces e de risas
e cantaba as historias dos seus antepasados...

No regreso das feiras e das festas,
polas fondas congostras dos teus campos,
a mocidade ceibaba no aire da madrugada,
contra a luz das estrelas,
o largacío alalá dun aturuxo
que fendía en dous cachos o silencio.

Cando o verán estalaba no Azureiras,
acendíase o sol en toda a Veiga
e o aire traía arrecendos a terra perfumada
dos castaños en flor
das ribeiras do Xares.

Así eras ti, Alberguería,
nos teus felices tempos de esplendor e de gloria,
cando a luz transitaba os teus camiños
e florecía a vida nos teus eidos.

Pero chegou a hora da inxustiza
e cumpríronse en ti as leis de Leviatán
contra toda razón.

A besta de innumerables cabezas,
nos infames cabalos do Apocalipse,
agalloupou polo teu corpo malaventurado
e as túas xentes, en triste desbandada,
tiveron que iniciar o rumbo da diáspora
pola rosa dos ventos,
tan lonxe para sempre do teu amante colo,
do teu verde solar de choiva e pedra.

E tí estás agora a dormir, Alberguería,
baixo as augas do encoro,
o teu eterno sono de lembranzas e ausencias,
agardando o regreso dos teus fillos.

Víctor Campio Pereira

(Víctor Campio Pereira nasceu no dia 15 de Julho de 1928. Morreu no dia 24 de Julho de 2018.)

Sem comentários:

Enviar um comentário