quarta-feira, 30 de janeiro de 2019

Castelao 6

O rapaz escrequenado entra, baril, no mundo das miserias

Rañolas era de certo un rapaz intelixente, con moitos anceios de saber. As contas que botaba non marraban, nin os seus ditos tiñan volta. Como dín alí, contáballe os pelos a un can e sabía o que esquecéu o demo.
Pouquiño a pouco o malpocado rapaz foi deprendendo o silabario que Pedriño lle ía ensinando a forza de peras, mazáns e pexegos; mais chegóu un dia en que a nai do Rañolas quixo que o seu fillo probase mundo e botóuno aos camiños, na compaña duns moinantes que vivían amostrando as súas lacras nas romerías. E o eivado desaparecéu da vila.
Nos primeiros tempos Rañolas choraba; pero con dúas ou tres malleiras que lle zorregóu o amo xa deprendera dabondo e non precisóu de máis consellos contundentes.
A poeira dos camiños e o sol do vrán fórono demudando, e ao pouco tempo Rañolas cheiraba ao burruallo i era un moinante máis.
Cos ollos adoecidos pola poeira e co coiro queimado polo sol, sempre a berrar nos camiños de romería, Rañolas pasóu catro meses e deprendéu máis cousas que deprendería o seu amigo Pedriño en vinte anos de escola.
[...]

"Os Dous de Sempre", Castelao 

(Castelao nasceu no dia 30 de Janeiro de 1886. Morreu em 1950.)

Sem comentários:

Publicar um comentário