quinta-feira, 16 de novembro de 2017

Antón Santamarina Delgado

O señor Constante era feliz avondo coa sua casiña, ben branquiña ela, á beira da estrada A Coruña-Madrid, perto da tenda do Maragato e mesmo pegadiña ao «Café Camagüei» que tanto lle lembraba os seus anos mozos aló polas terras quentes do Caribe.
O tio Constante vivia só. A sua casa destacara-se sempre de todas as outras dos arredores polo feito de que fora a primeira de tellado de tella e de exteriores pintados. E foi o temor de que lle ficar tapada o que o fixo pór-se en contra de que lle construísen outra ao lado. Pero o progreso avanza e co progreso viñeron mais casas.
Do outro lado da sua estaba a "casa nova" que agora xá tiña viciños. Eran estes don Lucas coa filla, rapariga formosa e lisgaira como unha formiga, como unha abella raiña que non tivese continuidade anatómica entre o busto e aquelas cadeiras que acaneaban como un vime cada vez que camiñaba. E os ollos...? Se mesmo non parecian duas estreliñas que se botaran do firmamento para adornaren a sua cara...
E tamén Morito, o gatiño branco que sempre se puña no regazo cada vez que ela tomaba o sol através das reixas daquela fiestra que facia da pobriña unha verdadeira doncela cativa dos ciúmes dun pai cuase mouro. A Mérchi habia pouco tempo que fora elexida "miss" das festas do povo de non se sabe onde e, desde entón, seu pai celaba-a tanto que non lle deixaba achar tempo para se facer dun noivo.


"O Gatiño da "Miss" e Outros Contos", Antón Santamarina Delgado

(Antón Santamarina Delgado nasceu no dia 16 de Novembro de 1928)

Sem comentários:

Enviar um comentário