domingo, 23 de abril de 2017

Valentín Paz-Andrade 5

Galiza, ribeira antiga

Do tempo cero levas
o misterio do mar pola cintura.
Con alga, pedra e brétema metidos
no muíño da onda,
o mar intemporale
túa coroa intemporal compuxo.

Ben bicada varanda que recibe
baixo o palio dos pinos os Poentes,
cando súa escada esgotan
na maxia cegadora do alén mar,
tras do arco das augas promisorias
onde inda terma derradeiramente
a mocidade do mundo.

Tarso estremal da Europa,
punta da rosa céltica encostada
no roteiro da Atlántida;
noiva dos velaíños
ventos que sopran en cuadrantes novos;
muro das correntías
quecedoras do ventre dos abismos.

Vello esquinal da Roma,
que até o lindar do mare tenebrossum
alongou a firmeza das calzadas;
angular pousadoiro
onde os albeiros escadróns do Este,
cunha pinga de aurora nas meniñas,
o seu trote centáurico frearon.

Fogo de lumes místicos,
no milagreiro niñadoiro acesos
das cinzas navegantes,
e berce de camiños enlousados
coa estelar soleira das galaxias
por onde a fe dos pobos foi guiada,
do Vístula ou do Sena deica o Sar.

Con historias de andar lonxanos ermos
e sangrar para encher cuncas alleas,
da túa historia os folios se escribiron.
Ribeira a máis antiga
pró devalar das étnicas mareas.

Eiquí findou o transmigrar sedento
das loiras oleadas,
fuxidas da friaxe das estepas.

Eiquí Sant Yago, morto, resucita
vigairo dos regueiros sideraes.

E Breogán partiu,
das néboas e das ondas peregriño,
a poboa-las illas presentidas.

Sempre ramos de vida a derramarse,
sempre sangue de pobos a escoarse,
sempre deixar de ser
para ser noutros.

"Canto do Pobo Disperso", Valentín Paz-Andrade 

(Valentín Paz-Andrade nasceu no dia 23 de Abril de 1898. Morreu em 1987.)

Sem comentários:

Publicar um comentário