domingo, 19 de fevereiro de 2017

Xosé María Díaz Castro 3

Terra achaiada

Ei, o sol, niño ardendo nos loureiros!
Alegría do agro cheo de homes!
Nos meus ollos de neno lapas, hoxe
terra rebada.

Lóstrobos enroscados das fouciñas
e voces grandes coma de meu pai!
Ruxir aceso das paveas, hoxe
praias do vento.

Sobre da lapa das espitas, ei!,
un son de frauta ou chafarís de ameixas.
Muiñeiras de anxos polos trigos, hoxe
sombras alleas.

Us beizos duros co cigarro ó enxizgo
moulando hestorias dos cañós de Cuba.
Un neno atúa ós petrucios, hoxe
pó caladiño.

Bérrolle ó sol bendito, ó can raxado
que abrouxa o sono dos carballos, ei!,
ás maus ulindo a tarde espigas, hoxe
terra na terra.

Bérrolle á nena coa mazá nos dentes
que perdéu o seu nome tralo atlántico,
berro nas portas doutro mundo, e non oio
máis que o meu berro!

"Nimbos", Xosé María Díaz Castro

(Xosé María Díaz Castro nasceu no dia 19 de Fevereiro de 1914. Morreu em 1990.)

Sem comentários:

Publicar um comentário