sexta-feira, 22 de abril de 2016

Victoriano Taibo 2

Ao comén era só Deus, xurdio e podente, a demorar na súa mesma eternidade.
E Deus creou o espazo e a materia, e esclareceu as tebras co milagre ollecente da luz.
E con falas secretas fixo xurdir da nada as cousas todas; a Vida, sempre vitoriosa da Morte; e a Morte, decote triunfante da Vida.
E con todas as cousas, entre a Vida e a Morte, sen que ninguén saiba quen é, de onde vén nin para onde vai, xurdiu o Tempo.
Entrou polas portas da existencia como quen entra por unha agra aberta, feito un garelo axexador e entremetido. Non fixo máis que saír do vurullo e emprendeuna a croio limpo coas estrelas; e aínda ben pequerrecho, e en canto Vulcano abriu a súa fragua, encargoulle unha afiada gadaña para se ir facendo cursario na sega, pois desde o berce sentía uns desexos incontidos de seitura.
Xa de mozo íase de ruada polos camiños siderais a cortexar as estreliñas novas e luminosas; pero facíanlle a figa e non lle daban creto, pois inda que o pretendente era aposto e falangueiro, aquel seu ollar feridor e destemido metíalles o medo no corpo, alporizándolles os longos cabelos escintilantes.
A Vida nunca o quixo, ollábao con xenreira; pero canto máis fuxía del, máis se enguedellaba entre as súas longas gadoupas raspiñeiras, máis a carón se achaba da Morte, a súa inimiga xurada. Desbotado de todos, o Tempo víase só. A única muller que o ollaba a xeito, coas súas concas escuradas, e lle sorría cos dentes fanados e amarelados, era a Morte, que camiñaba á súa beira como can de cego, apegada a el coma un lambizo.
Pero o Tempo era teimoso, xa andaba afeito a saír coa súa, e non meteu o rabo na silveira. Aló, nun currunchiño do espazo, a súa ollada espreitadora dexergou a Lúa, noviña e namoradeira, arrecendendo graza do seu brillar refulxente, coma un solciño azoso, pequerrechiño e feito, que se esfiaña en perfebas aloumiñantes de luz.
Vela, decatarse da súa inxenuidade e fermosura, e cobizala, foi todo un:
- A muller e a sardiña, pequeniña - díxose -. E como non hai cousa máis humilde que o amor cando pretende, feito un suíña riseiro e conquistador, dirixiuse a ela en falas solermiñas, tatexou tremente ao declararlle o seu cariño, e os seus ollos torvos, vidrados, afeitos só ás traidoras olladas de esguello, mirárona fite a fite, nun feble sorriso enchouchador e arelante.


"Da Agra Aberta", Victoriano Taibo

(Victoriano Taibo nasceu no dia 22 de Abril de 1885. Morreu em 1966.)

Sem comentários:

Publicar um comentário