quarta-feira, 16 de março de 2016

Xosé Lesta Meis

Nunha pequena aldea que hai cerca da Cruña vivía unha familia que lle chamaban "a da rúa". Non sei por qué. Na aldea non había rúas , como as non hai en ningunha aldea. Sitios por alí que tiveran este nome tampouco sei de ningún. O caso é que para referir-se a calquera dos da familia, despois de nomeá-lo, encanabamos: "a da rúa", ou "o da rúa", según que fose muller ou home. Compoñía-se dun matrimonio e catro fillos. El chamaba-se Xaquín, ela Xuana. El era alto, delgado e ben feito. Inda que vello, vía-selle que no seu tempo fora bo mozo. Aínda me parece está-lo vendo comer na broa sentado á porta da casa, recollendo cunha man as frangullas que lle caían da outra. Despois de peneirá-las un pouquiño pra que se lle xuntaran, metí'-as na boca dun pulo. Ela era unha muller pequena pero feituca como un carto e moida súa casa. Nunca se vía máis que da casa ó curral ou á eira. Sempre, dendes das dez hastra as doce da mañán, andaba cun carabullode toxo na man, queimado polo bico. Debía de facé-lo lume con el.
Non recordo -la sentada nunca nin leriando con ninguén. As galiñas, o gato e o cocho conocía-na como unha persoa á outra que se visen arreo, entendía-na tamén. Podo xurá-lo. Ela falaba-lles o mesmo que á xente: con agarimo unhas veces e con carraxe outras; según estivera. Pero cáseque sempre con agarimo.
- Ide-vos d'aí - decía-lle ás galiñas cando a seguían pra que lles dera de comer - ; inda non é hora, inda non é hora. Peteirade por aí un pouco máis. Boh! Xa cho creo! Vou-vos estar dando sempre! Así, era a nai! Non teño cousas de máis présa! Agardade que agora!...
E metía-se na casa. As galiñas quedaban-se á porta un pouco. Despois encomezaban o seu coróoo cocococó! Pero nun istantiño calaban. Tiña-as afeitas a se conformaren co que lles dixera e iban-se arredando pouco a pouco, bicando aquí e alí, como ela decía-lles.

"Manecho o da Rúa", Xosé Lesta Meis 

(Xosé Lesta Meis nasceu no dia 16 de Março de 1887. Morreu em 1930.)

Sem comentários:

Enviar um comentário