quinta-feira, 31 de março de 2016

Pura Vázquez

No convento antigo daba o sol de cheo cando o frade novo chegou, apoucado por a calor, encortido e suoroso. Recurvábaselle o lombo baixo o peso do fato que non quixo darlle a naide, senón rubilo il por o camiño aquel que somentes de cabras semellaba. Como un sacrificio a que se obrigase no seu interior por aquil que tantas veces caíra baixo a pesadume da Cruz, redenzón dos pecadores e aldraxes da contorbada humanidade.
Os ollos baixos, a face cerril, esvaída nos imos pensamentos, non tivo siquera un ollar para paisaxe que se espaiaba lonxe, alá no fondo da estación, entre os outeiros e soutos de castiñeiros, cheos de recendentes candeas e follaxe, en aquel mes de outono grorioso de beleza, con rechouchíos de paxaros e cheiros de resiña, de frolciñas que o adro namoriscado amostraba.
Chegou ao convento. Atopando aberta a porta da irexa, entrou a por ela sen apousar siquera o fato, e foise direito ao altar do Crucificado que naquela sombra os seus deslumeados ollos lle finxía querer saírse da Cruz e arrincar dos cravos as tradeadas maus. Caíu de xoenllos e deu coa testa na pedra fría, como un condenado que arredase misericordia, entrou na santa Casa.
Non quixo falar con ningún dos frades que atopóu por as ringleiras de pasigos, e diulles o saúdo nunha homildosa incrinación e cabeza, turrando para adiante até chegar á cela do Pai Superior. Aló estivo tamén moito tempo. Falaron baixiño coma en confesa, e cando saiu de alí parecía coma se un peso terríbel lle houbese sacodido a alma.
Pasaron días, e nadie sabía de onde o frade podía vir. Os outros, díronse a cavilar e a marmular entre iles de aquil silencio que non adiviñaban se era mudés ou soberbia non vencida. O frade calaba sempre. Ao pasar por unda eles, incrinaba os pálpebros e a cachola, pro os labres seguían pechados e non deixaban fuxir verba algunha.

"O Frade Era Galego e Outros Relatos", Pura Vázquez

(Pura Vázquez nasceu no dia 31 de Março de 1918. Morreu em 2006.)

Sem comentários:

Enviar um comentário