segunda-feira, 14 de setembro de 2015

Eduardo Blanco Amor

-
- Non señor, non lle foi eisí como está nise papel que leron, que os papeis teñen conta do que lle poñen enriba, anque non foi moito o que entendín. Eiquí, o siñor, bulía moito a ler, e a máis diso non estamos moi afeitos a ouvir ler en castelán, que eiquí non o falamos; e cando un que non sexa señorito se bota a falalo, decímoslle que fala castrapo… Pro, con todo, non foi eisí anque o diga a Guardia Civil, a tía Esquilacha ou o sulsuncordia, con premiso da súa cara. Nin do escomenzo das cousas, nin do que veu dimpois nin do remate, ninguén sabe nada porque ninguén viu nada, ou si o viron non repararon, que unha cousa é vere e outra reparare.
-
- Eu, como xa dixen, que eí non o apuntaron, ía pra o meu traballo. Ía pra o meu traballo, eisí Deus me dea, que endexamais saíra da miña casa, ou da casa da Raxada, que pra o conto vén sere o mesmo, tan determiñado a ir pró traballo. O sábado fora a Raxada a buscarme ás obras e fixeramos as paces, por mor dela, que a quero ben, pro máis por mor do pequecho que xa vai pra catro anos e como é tan espilido xa vai entendendo das cousas dista vida… Dormín co ela o sábado e mais o domingo, que boa falla me facía, pois mulleres hai moitas, pro como ela, ó menos pra min… Dunha noutra, tanto me palicou que… Como facía tanto frío e dormiamos moi apegados, non tiña máis remedio que escoitala, e a máis diso, tiña razón… E tanto me palicou que me fixo engradar, que endexamais unha muller me fixera engradar, fóra da miña nai, que as nais anque fagan engradar a un non é vergoña pra un home. E finou tendo razón nas verbas como a tiña decote nas carnes do seu corpo, que non me podo afastar dela por moito tempo e por moito que faga a Costilleta, que tamen sabe o seu… A Raxada, a máis deso, ten un aquel no xeito das falas, que as vai ceibando solermiñamentes na orella, que ás vegadas son coasi coma si fosen só o alento… E faloume de si e do cativo e das cousas diste mundo cabrón, con premiso da súa cara…

"A Esmorga", Eduardo Blanco Amor

(Eduardo Blanco Amor nasceu no dia 14 de Setembro de 1897. Morreu em 1979.)

Sem comentários:

Enviar um comentário